Opinión

Gripe

Durante a pandemia, como efecto colateral das restricións e o uso de máscaras, diminuíron de xeito importante os casos de gripe. Este ano, coa volta progresiva á normalidade, tocará de novo vacinarse, e se cadra é máis importante ca nunca.

A campaña para a vacinación da gripe comeza rodeada dun cúmulo de desinformación, mensaxes confusas e alarmismo creado, en parte, nos círculos antivacinas. Dende que o sistema inmune se vai resentir por tantas vacinas ata que este ano a gripe virá máis forte porque a vacina fronte á Covid-19 nos debilita, ou que non é necesario vacinarse da gripe se xa o fixeches contra o coronavirus. Unha vez máis, todo vale e a responsabilidade á hora de tratar estes temas brilla pola súa ausencia.

Por unha banda, a importancia de vacinarse este ano máis ca nunca reside na necesidade de impedir que a tempada de gripe coincida con novos casos de Covid-19, especialmente en persoas que, por diversos motivos, non puideron inmunizarse. É posible contaxiarse simultaneamente de ambas doenzas, e a gravidade pode ser maior. Trátase de dous virus diferentes, aínda que emparentados, e polo tanto a inmunización fronte ao coronavirus non protexe fronte á gripe nin á inversa. 

Non existen tampouco motivos para pensar que poida ser prexudicial administrar ámbalas dúas vacinas de xeito simultáneo, como xa se fai con moitas outras como, por exemplo, a tripla vírica. O noso sistema inmune non se “esgota” nin se “sobrecarga” polo feito de expoñerse a varios patóxenos, de feito estamos expoñéndonos continuamente a multitude de virus contra os que reacciona sen ningún problema. Este ano, como novidade, estase a valorar tamén a vacinación en grupos de idade infantís ademais das persoas de risco e o persoal sanitario.

A vacina da gripe xa arrastraba consigo a polémica, con opinións encontradas sobre se era necesaria ou se podía causar a enfermidade en lugar de previla. Se ben pode producir síntomas gripais leves, en ningún caso se trata da enfermidade como tal, que pode ser grave e incluso mortal en persoas con estado de saúde fráxil. A idea de que non é eficaz pode estar relaciona co feito de que se confunde a infección por gripe coa catarreira común, coincidente no tempo, pero causada por outro patóxeno diferente e moito máis leve. Se pertences a un grupo de risco e te vacinaches outros anos, non dubides en facelo este. Se non te vacinaches antes, pensa que agora é máis importante ca nunca.

Comentarios