Coronavirus Galiza: baixan a 16.725 os casos activos, mais lixeiro repunte nas hospitalizacións

Xente nun local de hostalaría de Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Sanidade rexistrou dous novos falecementos, todos con patoloxías previas.

Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabiliza 16.725 casos activos na Galiza, despois de que baixasen en 298 con respecto á xornada anterior. Tamén descenden os novos contaxios, xa que o último reporte contabiliza 1.371, 266 novos contaxios menos.

En canto ao número de pacientes ingresados pola Covid-19 aumentaron lixeiramente até as 431 as persoas que se atopan nun complexo hospitalario pola infección. Delas, 34 están nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), tres máis que na xornada anterior, mentres que 397 persoas seguen hospitalizadas en unidades convencionais, dúas máis. Os 16.294 casos activos restantes atópanse en seguimento domiciliario. En canto á taxa de positividade, descendeu até 11%.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en dúas das sete, mantense noutras dúas e descende nas tres restantes. En concreto, a área da Coruña e Cee segue a ter sete pacentes Covid en UCI pero suben a 85 os ingresados noutras unidades (tres menos); na de Vigo seguen a ser catro os pacientes críticos e descenden a 42 os doutras unidades (sete menos). Na área sanitaria de Lugo mantéñense en tres os pacientes Covid en UCI e en 42 os ingresados noutras unidades, mentres que na de Santiago e Barbanza soben a nove os críticos (un menos), e a 75 os doutras unidades (sete máis).

Na de Ferrol seguen a ser 2 os ingresados en UCI e baixan a 31 os hospitalizados noutras unidades (tres menos), e na de Pontevedra e O Salnés seguen catro en críticos e 57 noutras unidades. Na área sanitaria de Ourense aumentan a cinco os pacientes hospitalizados en UCI (dous máis) e a 65 os pacientes Covid noutras unidades (dous máis).

Descenso irregular

O descenso non é xeralizado nas sete áreas sanitarias. A de Lugo está á cabeza (-105), seguida da de Santiago e Barbanza (-87), Vigo (-80), Ferrol (-55) e Pontevedra e o Salnés (-20). Aumentan na da Coruña e Cee (-37) e Ourense (-18).

 A área da Coruña, con 3.387 casos, segue a ser a que máis casos activos contabiliza; seguida da de Vigo, con 3.077; Santiago e Barbanza, con 2.930; Ourense, con 2.257; Pontevedra e O Salnés, con 2.070; Lugo, con 2.002; e a de Ferrol, con 928.

Segundo o último informe actualizado a 4 de marzo polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza está en 722,5 casos por 100.000 habitantes.

Seguen a baixar os contaxios

Desde o comezo da pandemia contabilizáronse 507.951 novas infeccións, das que 119.610 corresponden á área de Vigo; 106.317, á da Coruña e Cee; 79.993, á de Santiago e Barbanza; 60.831, á de Ourense; 58.746, á de Pontevedra e O Salnés; 53.215 á de Lugo; e 28.597, á de Ferrol.

Na xornada deste domingo leváronse a cabo 2.826 PCR, que elevan a 3.717.400 as probas realizadas desde o inicio da pandemia na Galiza e 2.208 test de antíxenos, que suman 1.544.457.

Falecidos e curados

Consellaría de Sanidade comunicou o falecemento de dúas persoas nos últimos días que contaban con patoloxías previas, o que eleva a 3.127 os finados pola Covid desde o comezo da pandemia.

En canto aos curados, desde o comezo desta crise sanitaria 488.152 personas superaron satisfactoriamente a Covid-19.