Dous anos de pandemia na Galiza: máis de medio millón de contaxios e 3.118 falecementos con Covid

Sanitarios trasladan un paciente Covid ao hospital (Foto: Europa Press).

Un total de 503.010 persoas contaxiáronse da Covid-19 na Galiza desde que se detectou o primeiro caso o 4 de marzo de 2020.

Nas últimas horas rexistrouse, por segundo día consecutivo, unha repunta dos novos contaxios no país, até os 1.794, cifra que motivou tamén un incremento dos casos activos, que se sitúan en 16.933 (568 infeccións máis que na última xornada).

Así se desprende dos datos publicados esta sexta feira pola Consellaría de Sanidade, con información recollida até as 18 horas da quinta, que sinalan que, tendo en conta as novas infeccións, as altas epidemiolóxicas e falecementos, na Galiza hai actualmente un total de 16.933 persoas con Covid.

Na área sanitaria de Vigo rexistráronse na última xornada 338 novos contaxios; na área sanitaria da Coruña-Cee notificáronse 303 infeccións máis; na área de Compostela-O Barbanza son 316 as novas infeccións; na área de Ourense-Verín-O Barco, 260; na de Pontevedra-O Salnés, 248; na área de Lugo-Monforte-A Mariña, 231; e na área de Ferrol, 87.

Na área de Vigo hai 3.343 casos activos (+53); na área da Coruña hai 3.246 (+36); na de Compostela, 3.096 (146 máis); na de Lugo, 2.131 (90 máis); na de Ourense, 2.057 (122 máis); na de Pontevedra, 2.023 (128 máis), e na de Ferrol, 950 (2 menos).

Presión hospitalaria

A respecto da ocupación das camas Covid nos hospitais galegos, o último informe de Sanidade reflicte un lixeiro descenso no número de enfermos ingresados en unidades convencionais, que baixa de 397 a 391, aínda que os pacientes incrasados en UCI son agora 29, un máis que hai un día.

Desde o inicio da pandemia, máis de medio millón de persoas na Galiza contaxiáronse de Covid (503.010), e 483.012 superaron a enfermidade. Delas, 1.222 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas 24 horas.

Ademais, un total de 3.118 persoas faleceron desde o inicio da pandemia. Catro destas mortes, das que informou este venres o Sergas, tiveron lugar no últimos tres días.

En concreto, o 28 de febreiro perdeu a vida un home de 87 anos na área sanitaria de Compostela e o día 1 de marzo morreu unha muller de 89 anos na área sanitaria de Ourense. Ademais, a cuarta feira faleceu un home de 91 anos na área sanitaria de Ourense e unha muller 85 a de Santiago.

O primeiro caso

Este 4 de marzo fanse dous anos do primeiro caso confirmado de Covid-19 no país, detectado nun home de 49 anos de idade que deu positivo por este coronavirus no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac).

Este paciente foi atendido no servizo de Urxencias do Chuac, onde se activou o protocolo para coronavirus. O paciente, residente en Madrid, chegou a Galicia nun coche compartido para unha entrevista de traballo e, pola sintomatología que presentaba, acudiu ao servizo de Urxencias do Hospital A Coruña, onde foi ingresado.

Este paciente foi diagnosticado dunha pneumonía de orixe descoñecida, unha patoloxía ante a que o protocolo acordado naquel momento co Ministerio de Sanidade recomendaba facer as probas para coronavirus.

Nun primeiro momento, as probas practicadas na Coruña non foron concluíntes, e remitíronse ao Centro Nacional de Microbiología en Madrid para a súa análise, onde confirmaron o positivo por este coronavirus.