O pasaporte Covid restou até 11% de público nos campos de fútbol

Celta e Lugo, os representantes galegos na Primeira e a Segunda División, afrontan esta fin de semana os seus primeiros compromisos como locais logo da anulación da esixencia da presentación dun certificado Covid que deixa como legado unha considerábel diminución do público nas bancadas.
Outras restricións como a prohibición de comer ou beber tamén inflúen negativamente na asistencia. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Outras restricións como a prohibición de comer ou beber tamén inflúen negativamente na asistencia. (Foto: CD Lugo).

Os estadios de fútbol galegos  -así como os do resto do Estado- amplían desde o día de hoxe a súa capacidade máxima até 100%, logo de que o 29 de decembro de 2021 o Ministerio de Sanidade impuxese un límite de 75%. Porén, iso non significa que volva a normalidade a Balaídos, A Malata, Riazor ou o Ángel Carro, pois dous anos despois do comezo da pandemia da Covid-19 aínda continúan vixentes a obriga do uso da máscara e a prohibición de beber, comer ou fumar.

Estas normas están atrasando o regreso á normalidade no fútbol -como acontece hai meses en países como Inglaterra-, e afastando un sector determinado da afección que considera que o espectáculo ao vivo "é algo máis que ver 22 tipos pegar patadas a un balón". Son verbas de Carlos Castro, un veterano afeccionado do Real Club Celta, para quen o fútbol é "quedar cos amigos, berrar, abrazarse, comer, beber e mesmo fumar un puro, e todo iso non é que estea mal visto, senón directamente prohibido. Canta xente non ía ao cine cando non estaba permitido comer flocos de millo ou beber un refresco?". "Polo menos -engade para Nós Diario- xa non piden o pasaporte Covid, non pode ser que esixan que presentes máis documentación para entrar en Balaídos que para rexistrar un meniño".  

A analoxía pode resultar esaxerada, pero o certo é que para acceder a un recinto deportivo pediuse entre o 17 de decembro de 2021 e o 26 de febreiro de 2022, ademais do boleto ou o carné de socia, a presentación do Documento de Identidade e dun certificado de vacinación, de recuperación ou de proba diagnóstica negativa, mentres que para rexistrar unha crianza só é necesario o DI e o parte médico de alumeamento.

Mais, alén desta intanxíbel sensación de fastío colectivo entre a afección, os fríos números revelan que a imposición da esixencia do coñecido como certificado Covid provocou unha considerábel diminución entre o público presente nas bancadas dos estadios dos dous representantes da Galiza no fútbol profesional, Celta de Vigo e Club Deportivo Lugo.

Este último foi o máis afectado, pois durante os 71 días que estivo vixente a norma da Xunta da Galiza disputou catro partidos -contra Mirandés, Almería, Burgos e Amorebieta- que tiveron como media 2.110 espectadores, mentres que no mesmo período inmediatamente anterior protagonizou cinco duelos no Ángel Carro -contra As Palmas, Sporting de Xixón, Ponferradina, Eibar e Ibiza- que tiveron unha asistencia media de 3.015 persoas.

É dicir, a escuadra albivermella perdeu 30,02% das e dos espectadores, porcentaxe que cae até 15,64% sacando da ecuación o choque contra os asturianos do Sporting, que pode provocar un nesgo, pois a mareona levou a cabo un desprazamento masivo  até o punto de que no coliseo lucense se congregaron ese 30 de outubro 5.069 almas, case 3.000 máis que no choque de dez días antes coa Unión Deportiva As Palmas.

O caso celeste presenta unhas cifras menos extremas, pero igualmente relevantes. Deste modo,  o conxunto olívico pasou de recibir unha media de 10.819 persoas para ver os cinco partidos que xogou entre o 17 de outubro e o 17 de decembro -contra Sevilla (10.774), Real Sociedade (8.726), Barcelona (13.146), Vilarreal (10.086) e Valencia (11.361)- a congregar durante o período de vixencia do pase Covid 10.172 persoas para ver os compromisos do Celta ante Español (9.526), Osasuna (8.837), Raio Vallecano (12.546) e Levante (9.776).  En total, o único equipo galego na máxima categoría tivo 5,98% menos de público que no período inmediatamente anterior á implantación do pase Covid.

Todo isto ten consecuencias negativas non só no apoio que reciben os futbolistas das escuadras galegas cando exercen como locais, senón na economía dunhas entidades moi golpeadas pola crise do coronavirus, como dan boa proba as contas de resultados do Lugo -que declarou perdas por valor de 2,5 millóns de euros, unha terceira parte do orzamento do equipo- e o feito de que o Celta fose incapaz de desembolsar 1,5 millóns de euros no mercado de inverno para facerse cunha estrela mundial do nivel de Lo Celso, que acabaría asinando polo Vilarreal. 

Comentarios