Coronavirus na Galiza: baixan os ingresos e os casos activos, suben os contaxios

Un traballador sanitario dunha ambulancia protexido contra a Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

As doentes de Covid-19 caen en todas as áreas sanitarias, pero aumenta  lixeiramente até 3% a taxa de positividade nas probas PCR.

Seis días despois da caída do estado de alarma e das restricións máis duras que lle ían aparelladas, a presión hospitalaria que deixa a pandemia da Covid-19 continúa á baixa, cun total de 172 persoas ingresadas, 12 menos que un día atrás. Ademais, os casos activos baixan por terceiro día, e sitúanse en 2.865 -68 menos-, o que significa que as altas superan os novos diagnósticos de coronavirus.

Con todo, os novos contaxios detectados por calquera tipo de proba volveron a subir por terceiro día consecutivo, até colocarse en 176 -17 máis-, aínda que aínda están por baixo dos 200 que se rexistraban en días pasados.

No que respecta á presión hospitalaria, cos datos que fixo públicos hoxe a Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18 horas do venres, Galiza conta con 172 persoas ingresadas, das cales 134 están en planta, tras unha baixada de 12 en 24 horas; e as 38 restantes en unidades de coidados intensivos (UCI), mesma cifra que un día atrás.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria reduciuse en cinco delas. En concreto, na da Coruña-Cee descenderon en cinco as ingresadas Covid, até situarse nas 45, a pesar de que aumentan nun, até as 10, as pacientes críticas.

Na de Vigo, as hospitalizadas baixaron até 48 -tres menos-, mentres que as UCI se manteñen sen variacións con 11 enfermas.

Tamén baixou a presión asistencial na área de Pontevedra-O Salnés, con 29 ingresadas (-3), das que nove (as mesmas) están críticas; na de Santiago-Barbanza, con 22 (-1), delas tres en coidados intensivos (-1); e na de Lugo-A Mariña-Monforte, cun total de 10 hospitalizadas (-1), dúas delas na UCI.

Mentres tanto, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco se mantivo sen variacións con 12 hospitalizadas, das que dúas están críticas, á vez que na de Ferrol subiron lixeiramente, cun total de seis ingresadas e só unha delas en coidados intensivos.

Baixan os casos activos

En canto aos casos activos da enfermidade, descenderon por terceiro día consecutivo e, de acordo cos datos de onte, sitúanse en 2.865, tras diminuír en 68 nun día.

Esta baixada replicouse en todas o sete áreas sanitarias. A que máis pacientes de Covid-19 contabiliza é a de Vigo, con 854 -tras un descenso de cinco-, seguida da Coruña, con 642, unha decena menos.

Séguenlles Pontevedra-O Salnés, con 458 casos activos (-12); Santiago-Barbanza, con 433 (-7); Ourense-Verín-O Barco, con 211 (-11); Lugo-A Mariña-Monforte, con 182 (-14); e Ferrol, con 85 (-9).

Aumentan os contaxios

Así mesmo, en toda Galiza detectáronse 176 casos de coronavirus a través de calquera tipo de proba nas últimas 24 horas, dos cales 168 se confirmaron cunha PCR. Isto implica outro lixeiro aumento de 17 con respecto aos notificados o día previo, pero seguen en cifras similares do inicio da semana e por baixo da barreira dos 200.

Do total das novas infeccións detectadas, as principais áreas sanitarias afectadas volven ser a de Vigo, con 65; seguida da de Pontevedra-O Salnés, con 30; Santiago-Barbanza, con 27; e A Coruña-Cee, con 25.

En canto ao resto, a área de Ourense-Verín-O Barco sumou 15 novos positivos; Lugo-A Mariña-Monforte, outros 11; e a de Ferrol, só tres.

Por tanto, as contaxiadas de Covid-19 desde o inicio da pandemia en toda Galiza ascenderon a 124.707, das que 30.055 corresponden á área da Coruña; 24.398 á de Vigo; 19.573 á de Santiago; 15.529 á de Ourense; 14.017 á de Pontevedra; 12.623 á de Lugo; e 8.512 á de Ferrol.

PCR e positividade

Desde o inicio da pandemia, Galiza realizou 2.161.664 PCR, o que supón que nas últimas 24 horas se fixeron 6.530 probas, arredor de 250 máis que as do día anterior.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- volveu aumentar lixeiramente, até 3%, despois do 2,9% da sexta feira, pero segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Mortes e curacións

Galiza acumula desde o inicio da pandemia 2.401 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19, tras notificar onte a Consellería de Sanidade dous novos óbitos.

En canto ás persoas curadas desde o inicio da pandemia, ascenden a 119.465, o que supón que no último día recibiron a alta 243 pacientes.