A Xunta abre novos puntos de atención mentres elimina os test aos contactos directos

Autobús para a realización de test de antíxenos, o pasado verán na Mariña. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés vén de anunciar que abrirá tres novos puntos en Marín, Caldas de Reis e Sanxenxo. Porén fechan na estación de tren da cidade e reordenan o do aparcamento do hospital.

O Servizo Galego de Saúde anunciou esta cuarta feira, 5 de xaneiro, que o próximo día 10 incorporará tres novos puntos para facer test de antíxenos da Covid-19 á poboación á rede activa actualmente. Esta decisión contrasta co documento aprobado para a fase de "mitigación" da pandemia, pois esa folla de ruta suprime a práctica de PCR ou test a contactos estreitos de persoas contaxiadas en boa parte dos supostos.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai estabelecer novas localizacións en Marín, Caldas de Reis e Sanxenxo, se ben destaca que se poderá acceder ás mesmas con autocita.

Segundo vén de especificar, en Sanxenxo os equipos sanitarios atenderán na Sala Nauta; en Caldas no edificio da Tafona e en Marín, no acceso ao Concello.

Ademais, a partir da próxima segunda feira os test faranse desde a segunda feira ao domingo. As quendas son de 8.30 horas a 13.40 horas e, pola tarde, de 15.30 a 20.30 horas.

Cambios locais e globais

O obxectivo é sumar estes recintos a outros xa operativos en distintos lugares como o recinto feiral de Pontevedra ou o auditorio municipal de Vilagarcía. Parará a actividade o servizo da estación de tren e no aparcamento extero só haberá "PCR de contactos que se soliciten desde a central de seguimento ou Atención Primaria".

En calquera caso, esta decisión das autoridades sanitarias parece ser contraria á norma xeral pautada pola Consellaría de Sanidade no seu último documento marco para o control do coronavirus.

Nese texto indica a supresión da realización das probas, quer PCR quer antíxenos, a persoas que sexan contacto estreito doutras que deran positivo polo virus. Haberá excepcións, pero o certo é que non se farán exaes de saúde ás persoas achegadas que non teñan síntomas ou que xa teñan a pauta de vacinación ao completo.