Que fago se teño síntomas da Covid ou son contacto estreito? Así é o novo protocolo do Sergas

Mostra dunha PCR (Foto: Nós Diario).
Todo o que precisas saber sobre o novo protocolo que vén de aprobar a Xunta da Galiza para as corentenas e o modo de proceder ante casos positivos e contactos estreitos.

A directora xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza, Carmen Durán, presentou esta cuarta o novo protocolo de actuación para casos positivos da Covid-19 e os seus contactos estreitos.

Que fago se teño síntomas da Covid?

Debe iniciar illamento domiciliario e, a continuación, pedir cita telefónica co seu médico ou médica de cabeceira, contactar co persoal médico do seu PAC ou chamar ao número de información do Sergas sobre a Covid 881 540 045.

Será sometido a unha proba de antíxenos ou PCR. Se o resultado é positivo, chamarano da central de seguimento de contactos, que xestionará unha cita co seu médico, faralle unha enquisa de caso e pediralle a listaxe de contactos estreitos; se é negativo, comunicarallo vía SMS e poderá facer vida normal.

Canto dura a corentena na Galiza?

O illamento para os casos positivos do coronavirus pasa de dez a sete días, con tres días máis de seguimento.

Os contactos estreitos tamén fan corentena?

Co novo protocolo, os contactos estreitos asintomáticos completamente vacinados están exentos de corentena, así como aqueles que tiveron a Covid-19 nos últimos seis meses e non presentan síntomas.

Os contactos que se presenten síntomas e así o notifiquen cando sexan contactados pola central de seguimento serán sometidos a unha proba PCR ou de antíxenos o quinto día após o contacto co positivo.

Se non se lle permite na súa empresa o teletraballo, o Sergas expediralle unha baixa laboral de sete días, o tempo que dura a corentena (máis outros tres días de seguimento).

Podo facer vida normal se son un contacto asintomático?

Aínda que non faga o corentena, estará en vixilancia durante os dez días posteriores ao útimo contacto co positivo confirmado. A central de seguimento enviaralle unha mensaxe SMS coas instrucións e información sobre a duración da vixilancia.

Non se lle realizará test PCR ou de antíxenos, agás ás persoas en situación de vulnerabilidade (maiores de 70 anos, residentes e traballadores en centros sociosanitarios, persoas inmunodeprimidas ou embarazadas).

Deberá evitar o contacto con persoas vulnerábeis e non acudir a grandes eventos, mais poderá acudir ao seu posto de traballo e, con carácter xeral, non procede a baixa laboral.

Din positivo en antíxenos... E agora, que?

Debe chamar ao teléfono de información sobre o coronavirus do Sergas, 881 540 045. Recibirá unha chamada telefónica da central de seguimento nas seguintes 24 horas. Non precisará doutra proba para confirmar o positivo nin para obter a baixa laboral.