Coronavirus Galiza: Semana Santa remata con 12.874 casos activos e 726 persoas hospitalizadas

Un grupo de turistas en Santiago de Compostela, en outubro de 2021. (Foto: Arxina)
As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza ascenden a 3.289 tras notificar a Consellaría de Sanidade esta segunda feira outros 17 falecementos rexistrados nos días pasados.

A Galiza conclúe a Semana Santa cun incremento de pacientes hospitalizados pola Covid-19, que se sitúan en 726, 140 máis que o pasado 13 de abril. Os casos activos descenden a 12.874, 133 menos, e a taxa de positividade baixa a 25,8%.

Segundo os datos actualizados esta segunda feira pola Consellaría de  Sanidade, con rexistros até as 18 horas do domingo, recollidos por Europa Press, baixan a 16 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 na Galiza e aumentan a 710 as ingresadas en unidades convencionais, 141 máis, mentres que 12.148 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas sete con respecto aos datos do 13 de abril. Especialmente na da Coruña e Cee, que aínda que mantén sete ingresados en UCI pola Covid-19, rexistra 164 noutras unidades (39 máis).

Pola súa parte, na de Ourense continúa unha persoa ingresada pola Covid en UCI e soben a 111 as hospitalizadas noutras unidades (30 máis); mentres que na de Santiago e Barbanza aumentan a catro os críticos (dous máis) e a 107 os doutras unidades (20 máis).

No caso da de Vigo queda un paciente Covid en UCI (un menos) e hai 102 noutras unidades de hospitalización (14 máis), mentres que na de Pontevedra e O Salnés hai dúas en críticos (un menos) e 96 noutras unidades (14 máis).

Na área de Lugo atópase un paciente Covid en UCI e 63 noutras unidades (dez máis); mentres que a de Ferrol destaca como a única na Galiza sen críticos e rexistra 67 ingresados noutras unidades (14 máis).

Baixan os casos activos

A Semana Santa conclúe cun descenso dos casos activos, ao haber máis altas (3.683) que contaxios (3.567).

As infeccións activas aumentan en cinco das sete áreas sanitarias, coa de Santiago e Barbanza á cabeza (+110), seguida da da Coruña e Cee (+37), Ourense (+15), Ferrol (+13) e Pontevedra e O Salnés (+11); mentres que descenden nas de Vigo (-209) e Lugo (-107).

Así, con máis infeccións activas continúa a área da Coruña e Cee, con 2.463; seguida da de Vigo, con 2.167; Santiago e Barbanza, con 2.147; Lugo, con 1.877; Ourense, con 1.644; Pontevedra e O Salnés, con 1.429; e á cola mantense a de Ferrol, con 1.137.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade este pasado 12 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días no noso país en maiores de 60 anos sitúase en 837,79 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media no Estado español fica en 435,42.

Contaxios

Os contaxios aumentan na Galiza a 567.557, dos cales 130.718 corresponden á área de Vigo; 118.074 á da Coruña e Cee; 89.688, á de Santiago e Barbanza; 68.185 á de Ourense; 65.113, á de Pontevedra e O Salnés; 61.003 á de Lugo; e 33.941, á de Ferrol.

Desde o 13 de abril até onte realizáronse 6.441  PCR, 3.822.421 probas deste tipo realizadas desde o inicio desta pandemia, e 6.288 test de antíxenos, que sitúan en 1.658.099 os realizados no país.

17 novos falecementos rexistrados

As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza ascenden a 3.289 tras notificar a Consellaría de Sanidade esta segunda feira outros 17 falecementos rexistrados nos días pasados.