Coronavirus Galiza: segue a tendencia á baixa dos casos activos, con 18.068

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra a Covid-19 na Galiza (Foto: Beatriz Ciscar/Europa Press).
A Galiza chega ao final do mes de febreiro cun leve incremento de pacientes hospitalizados pola Covid-19 até os 460 —que supoñen unha ducia máis que a xornada anterior—, mentres que os novos contaxios caen a 830 e mantéñense por segunda xornada consecutiva por baixo do milleiro.

Segundo os datos actualizados este luns pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas do domingo, aumentan a 26 as persoas ingresadas en UCI debido á Covid-19 na Galiza (dúas máis que na xornada anterior) e a 434 as hospitalizadas en unidades convencionais (+10), mentres que 17.608 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria unicamente alíviase en dúas das sete: nas de Vigo e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras; mantense sen cambios na de Ferrol; e increméntase nas da Coruña-Cee, Lugo-A Mariña-Monforte, Compostela-O Barbanza e Pontevedra-O Salnés. En concreto, na de Vigo aínda que aumentan a catro os pacientes ingresados pola Covid-19 en UCI (+2), descenden a 44 os ingresados noutras unidades (-6) e na de Ourense seguen catro en críticos e baixan a 63 os doutras unidades (-1).

No caso da área de Pontevedra ncreméntanse a tres os pacientes Covid en UCI (+1) e a 75 os ingresados noutras unidades (+8); mentres que a de Lugo segue sen críticos, pero conta con 52 hospitalizados noutras unidades (+5). A área de Compostela fica con seis ingresados en UCI (sen cambios) e rexistra 67 noutras unidades (+2), mentres que na da Coruña baixan a sete o críticos (-1), pero aumentan a 94 os hospitalizados noutras unidades (+2). E a área de Ferrol mantense con dous pacientes Covid en UCI e con 39 ingresados noutras unidades de hospitalización convencional por este coronavirus.

Menos casos activos

A tendencia descendente dos casos activos no conxunto do país mantense ao situarse en 18.068, que representan 1.700 menos que a xornada anterior ao haber máis altas (2.523) que novos contaxios (830), ao que se engaden sete vítimas mortais.

A redución de casos activos de novo é xeralizada nas sete áreas sanitarias, coa de Vigo á fronte (-355), seguida da da Coruña (-350), Compostela (-310), Lugo (-245), Ourense (-177), Pontevedra (-168) e Ferrol (-63). Por tanto, con máis infeccións activas continúa a área da Coruña, con 3.717; seguida da de Vigo, con 3.553; Compostela, con 3.183; Lugo, con 2.238; Ourense, con 2.153; Pontevedra, con 1.990, e á cola mantense a de Ferrol, con 1.104.

Segundo o último informe actualizado esta pasada sexta feira 25 de febreiro polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza sitúase nos 999,2 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal cae a 613,15.

Novos contaxios en descenso

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por segunda xornada consecutiva por baixo do milleiro ao situarse en 830 no inicio desta semana, que supoñen 122 menos que os 952 do día anterior e a cifra máis baixa no que vai de ano.

Este pasado domingo realizáronse 2.202 PCR, o que sitúa en 3.695.887 as probas deste tipo feitas desde o inicio desta pandemia na Galiza; e 1.516 test de antíxenos, que elevan a 1.523.672 os levados a cabo até o momento, o que supón 3.718 entre ambas as probas —1.523 menos que o día anterior—.

En canto á taxa de positividade —número de PCR positivas por cada 100 realizadas— comeza esta semana cun aumento a 12,5%, tras situarse en 11,1% este pasado domingo. Fica por riba do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Vítimas e curados

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 3.105 na Galiza despois de notificar esta segunda feira Sanidade sete novas vítimas, todas elas con patoloxías previas. Delas, unha faleceu o pasado 25 de febreiro, unha muller de 79 anos que morreu na área sanitaria de Ferrol, mentres que as outras seis corresponden ao sábado día 26. Deses seis óbitos, tres sucederon na área sanitaria de Compostela: un home de 88 anos e dúas mulleres de 89 e 92; dous falecementos ocorreron na da Coruña: un home de 78 e unha muller de 96; e o sexto corresponde a un home de 78 anos na de Ourense.

Pola súa parte, curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria 476.055 persoas, despois de recibir o alta outras 2.523 na última xornada no conxunto do país.