Coronavirus Galiza: lixeira repunta dos contaxios e casos activos, pero descenso das hospitalizacións

Terraza dun restaurante en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press) #hostalaría #restricións #coronavirus #covid19 #compostela
Sanidade contabiliza nove novos falecidos nos últimos días, todos con patoloxías previas.

Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabiliza 16.856 casos activos na Galiza, despois de que aumentasen en 131 con respecto á xornada anterior. Tamén aumentan os novos contaxios, xa que o último reporte contabiliza 1.768,397 novos contaxios máis.

En canto ao número de pacientes ingresados pola Covid-19 descenderon até as 417 as persoas que se atopan nun complexo hospitalario pola infección. Delas, 31 están nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), tres menos que na xornada anterior, mentres que 386 persoas seguen hospitalizadas en unidades convencionais, once menos. Os 16.439 casos activos restantes atópanse en seguimento domiciliario. En canto á taxa de positividade, descendeu até 7,73%.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en catro das sete, aumenta en dúas e mantense nunha. En concreto, a área da Coruña e Cee segue a ter sete pacentes Covid en UCI e 85 ingresados noutras unidades; na de Vigo seguen a ser catro os pacientes críticos e aumentan a 45 os doutras unidades (tres máis). Na área sanitaria de Lugo só queda un paciente Covid en UCI (dous menos) e 41 os ingresados noutras unidades (un menos), mentres que na de Santiago e Barbanza baixan a oito os críticos (un menos), e a 69 os doutras unidades (seis menos).

Na de Ferrol seguen a ser 2 os ingresados en UCI e aumentan a 33 os hospitalizados noutras unidades (dous máis), e na de Pontevedra e O Salnés seguen catro en críticos e 49 noutras unidades (oito menos). Na área sanitaria de Ourense seguen a ser cinco os pacientes hospitalizados en UCI e descenden a 64 os pacientes Covid noutras unidades (un menos).

Aumentan os casos

No día de onte, os datos do Sergas mostran que aumentaron os casos activos en catro das sete áreas sanitarias. A de Ourense está á cabeza (+124), seguida da de Lugo (+19), Ferrol (+10), e Vigo (+5). Descenden nas tres restantes: Pontevedra e o Salnés (-18), Santiago e Barbanza (-8), e A Coruña e Cee (-8).

 A área da Coruña, con 3.385 casos, segue a ser a que máis casos activos contabiliza; seguida da de Vigo, con 3.082; Santiago e Barbanza, con 2.922; Ourense, con 2.381; Pontevedra e O Salnés, con 2.052; Lugo, con 2.021; e a de Ferrol, con 938.

Segundo o último informe actualizado a 4 de marzo polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza está en 745,83 casos por 100.000 habitantes.

Lixeiro repunte dos contaxios

Desde o comezo da pandemia contabilizáronse 509.719 novas infeccións, das que 119.902 corresponden á área de Vigo; 106.703, á da Coruña e Cee; 80.302, á de Santiago e Barbanza; 61.124, á de Ourense; 58.929, á de Pontevedra e O Salnés; 53.417 á de Lugo; e 28.700, á de Ferrol.

Na xornada deste domingo leváronse a cabo 2.526 PCR, que elevan a 3.719.926 as probas realizadas desde o inicio da pandemia na Galiza e 3.851 test de antíxenos, que suman 1.548.308.

Falecidos e curados

Consellaría de Sanidade comunicou o falecemento de nove persoas nos últimos días que contaban con patoloxías previas, o que eleva a 3.136 os finados pola Covid desde o comezo da pandemia.

En canto aos curados, desde o comezo desta crise sanitaria 489.780 personas superaron satisfactoriamente a Covid-19.