O efecto 'recorte' do novo protocolo Covid da Xunta: 24.000 altas en 24 horas

Espazo para facer test Covid en Monforte, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Goberno galego decide outorgar as altas automáticas após 10 días, e non sete, "por prudencia". Aínda así a aplicación do novo sistema fixo que se reduciran notábelmente os casos activos e estar por estabelecerse as últimas novidades.

O novo protocolo para facer as contas da evolución epidemiolóxica do coronavirus na Galiza comeza a ter os seus efectos, como un recorte numeroso dos casos positivos en tan só unha xornada.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, explicou esta quinta feira, 13 de xaneiro, que o sistema activado agora para levar a cabo o cómpuso de casos activos da Covid-19 baixa de 14 a 10 días -e non a sete, malia que se fixa este período como pauta xeral para o illamento se as persoas contaxiadas non presentan síntomas- o tempo que un caso activo permanece recollido nas estatísticas sanitarias.

Trasladou esta información nun día no que, precisamente ese cambio de criterios, decorreu nunha redución de casos activos de 16.825, polo que agora Galiza contaría con 59.451 infeccións computábeis, ao tempo que se sumaron 7.875 novos contaxios.

Feixoo remarcou que, atendendo a unha postura de "prudencia", a Consellaría de Sanidade dá de baixa os casos activos no seu cómputo epidemiolóxico aos dez días. Até o de agora facíase despois de 14 xornadas co virus.

Esta decisión responde ao feito de que que hai persoas que aos sete días aínda teñen síntomas e deben seguir en corentena.

Novo cambio na sexta feira?

En todo caso, isto permite un elevado número de altas epidemiolóxicas, pois o presidente do Goberno galego aludiu a 24.000 doentes menos nas últimas 24 horas.

Aliás, co novo marco de altas e baixas automáticas -que estará en funcionamento nesta sexta feira "se é posíbel", ou na segunda ou terza feira da semana próxima- cabe a opción de que se detecte un novo axuste nos tempos. Este dependerá do apoio da Dirección Xeral de Saúde Pública.