Coronavirus Galiza: Será posíbel a volta ás aulas após Nadal?

Estudantes nunha universidade madrileña o pasado mes de setembro. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)
Responsábeis políticos dos distintos territorios terán esta terza feira, 4 de xaneiro, un encontro cos ministerios de Sanidade, Educación e Universidades para analizar a realidade dos contaxios da Covid-19 para ver se é viábel o regreso aos centros educativos. A priori, as autoridades rexeitan un atraso.

Responsábeis dos distintos territorios do Estado español reúnense esta terza feira, 4 de xaneiro, cos Ministerios de Educación, Sanidade e Universidades para analizar o contexto pandémico no que se atopa España e se este fai posíbel que as persoas estudantes regresen ás aulas unha vez rematadas as vacacións de Nadal.

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciaba a pasada semana que a intención era apostar na normalidade para a volta aos centros educativos, se ben deixou aberta a porta a estudar a evolución dos contaxios da Covid-19 por se estes obrigan a cambiar a estratexia.

En xeral, as autoridades educativas e sanitarias prefiren non retrasar o reinicio do curso, pero tamén é preciso ter en conta os datos para tomar unha decisión consciente.

Debate a tres bandas

Estes serán expostos esta terza feira, 4 de xaneiro, no marco dun encontro extraordinario do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Porén, haberá unha xuntanza tripla, pois coincidirá coa Conferencia Sectorial de Educativo e a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Á espera do que se fale na terza feira, os presidentes de Castela e León e de Castela-A Mancha descartaron o adiamento da “volta ao cole”, e executivos como os de Catalunya, Asturies, Baleares, A Rioxa, Nafarroa ou Galiza, entre outros, garantiron non se atrasará o regreso ás clases máis aló da data xa fixada.

Aliás, malia estar en plena sexta onda do coronavirus, fálase dunha volta real co alumnado fisicamente nas clases e non a distancia. No entanto, na última semana lectiva de 2021 foi preciso pór en corentena máis de 5.400 grupos en todo o Estado e esa realidade é algo a debater.

Respecto destas informacións, a equipa de Pedro Sánchez pediu evitar a “alarma” porque os contaxios chegan doutros lugares, dado que segundo insisten as escolas e universidades seguen a ser “espazos seguros”.

Os estudantes, a favor do regreso

"Se se está volvendo á normalidade laboral e estanse vacinando xa moitos estudantes, non hai por que atrasar a volta dos estudantes", destacou esta segunda feira a presidenta da Confederación Estatal de Asociacións de Estudantes (CANAE), Andrea Henry.

Pola súa parte, a Confederación de Anpas Galegas destacou que a data de regreso é "intrascendente" e que o "realmente importante" son as "condicións" para que as estudantes volvan á rutina. Neste sentido, lamentou que non se mudara o modelo.

"Se alguén cre que por crear un montón de aulas virtuais, que non son máis que un depósito de exercicios en pdf, xa se dixitalizou o sistema, é rematadamente imbécil", afirmou o presidente da entidade, Fernando Lacaci.