Coronavirus Galiza: A pandemia causa 2.800 mortes após transcender 14 novas vítimas

Unha sanitaria cunha dose da vacina. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press) #vacinación #coronavirus #vacina #prioridades #ong #savethechildren #coronavirus #covid19
A Consellaría de Sanidade comunicou que todas as persoas falecidas tiñan patoloxías previas. Porén, un dos decesos foi o dun home de 46 anos.

As autoridades sanitarias veñen de comunicar o falecemento de 14 persoas máis por mor da Covid-19. Todas elas estaban sendo atendidas na rede de hospitais galegos e tiñan patoloxías previas que complicaron a súa recuperación.

Os falecementos déronse nos últimos días, mais a Consellaría de Sanidade non comunicou até esta cuarta feira o cómputo global.

Dous dos óbitos decorreron a pasada segunda feira, 3 de xaneiro, nos hospitais de Compostela e Vigo. Alí finaron dous varóns de 86 e 68 anos respectivamente.

Dez nunha xornada

Xa na terza feira perderon a vida outras dez persoas diagnosticadas de coronavirus. Malia que todas tiñas patoloxías previas, chama especialmente a atención a morte dun home de 46 anos que permanecía ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Outros catro pasamentos notificáronse desde o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU). En concreto, foron os de dúas pacientes de 79 anos e unha terceira de 98 anos, así como un doente de 74.

O resto de vítimas contabilizáronse nos centros hospitalarios de Compostela -un varón de 88 anos-; Ferrol -un home de 67 anos-; Verín -unha paciente de 92 anos-; Valdeorras -un doente de 90-; e O Salnés, onde non se puido facer nada por salvar a vida dun ingresado de 69 anos.

Os últimos decesos comunicados correspóndense a este 5 de xaneiro, no que faleceron pola Covid-19 dúas doentes de 78 e 93 anos que eran atendidas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e no HULA.

Con estas novas vítimas, as mortes relacionadas coa pandemia na Galiza xa son 2.800.