Padeces alteracións no teu ciclo menstrual? Pode ser consecuencia da vacina

Unha muller sinte dor polo período, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Son moitas as galegas que teñen experimentado cambios na súa menstruación nos últimos meses e os comentario fican moitas veces entre persoas de confianza. No entanto, hai varios estudos en marcha sobre este asunto. O último en transcender confirma un aumento na duración do ciclo.

Diversos estudos, incluso no Estado español, investigan a relación das alteracións da menstruación coa vacina fronte á Covid-19. E pouco a pouco transcenden os resultados como é o caso do informe publicado na revista Obstetrics & Gynecology e financiado polos Institutos Nacionais de Saúde dos EUA que asegura que aquelas mulleres que recibiron unha dose experimentaron unha maior duración do seu ciclo.

As persoas autoras deste estudo, dirixido pola doutora Alison Edelman -da Universidade de Saúde e Ciencias de Oregón- destacan que unha vez recibida a picada co tratamento os ciclos menstruais varian lixeiramente dun mes a outro.

Malia atoparse no marco da "variabilidade normal", as persoas expertas inciden en que pode haber case un día máis de incremento en relación a aquelas cidadás que non se vacinaron.

Dentro da mostra investigada, a maioría das vacinadas recibiron Pfizer e Moderna. De media, a primeira dose de vacinación asociouse cun aumento de 0,71 días na duración do ciclo e a segunda dose cun aumento de 0,91 días.

Estudo doutros efectos

Neste caso, o aumento da duración non se vencellou a ningún cambio no número de días de sangrado. No entanto, tamén hai testemuñas recollidas en diversos medios e por equipos de investigación de mulleres que si experimentan outras variacións despois de que se lles inocule o fármaco aínda que non estea confirmada unha relación causa-efecto.

No Estado español, a Axencia Española do Medicamento ten recibido notificacións dos posíbeis efectos adversos e até o mes de xullo de 2021, por exemplo, un 77% correspondían a mulleres.

No último estudo cuxos resultados chegan desde os EUA, indican que precisarían seguir investigando para saber a influencia dos medicamentos "noutras características" do período, como "os síntomas asociados e as características do sangrado".