Cal é a orixe dos contaxios da Covid-19 na Galiza? O 54% dos casos son unha incógnita

Caixas de test de antíxenos. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
A Dirección Xeral de Saúde Pública fala de "casos orfos" porque se descoñece o lugar da infección. Ademais, os menores de 11 anos, malia estar en pleno tratamento fronte ao coronavirus ou estar á espera da vacina, non aparecen entre os tres grupos de idade cunha maior incidencia de contaxios.

A Dirección Xeral de Saúde Pública fala dunha "situación de transmisió comunitaria" da Covid-19 na Galiza, pois recoñece que a estas alturas a orixe do 54% dos casos é unha incógnita. Ademais, ese descoñecemento do lugar de infección das enfermas e enfermos atópase "en ascenso".

No ámbito sanitario fálase de que estes positivos no país son "casos orfos" e precisamente esa consideración e o feito de que a transmisión estea xeneralizada foron algúns dos argumentos trasladados pola Xunta ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para conseguir o seu apoio á ampliación temporal das medidas de control do virus.

Despois de analizar dous documentos do Goberno galego, "certamente mellor fundados que os que se analizaron no auto do 30 de decembro", a Xustiza comunicou esta sexta feira o seu visto e prace á ampliación das restricións até o 29 de xaneiro porque é "evidente" a necesidade de persistir nas medidas que se orientan a reducir a interacción social".

Unha vez conseguido este aval, a Consellaría de Sanidade apurou a publicación das prórrogas acordadas co subcomité clínico para as medidas de control da pandemia no país que se puxeran en marcha para o nadal.

Na edición bis do Diario Oficial da Galiza (DOG) saíu tanto a restrición das reunións entre persoas que non vivan xuntas -entre as 3 e as 6 da madrugada das quintas feiras, sextas e sábados- como a obrigatoriedade do Certificado Covid para acceder a locais de hostalaría, hospitais ou albergues de peregrinos, entre outros espazos.

Taxa de incidencia

Ao respecto da evolución epidemiolóxica, a incidencia acumulada a 14 días indica que a poboación de idades comprendidas entre os 20 e os 29 é a que presenta un maior número de positivos.

O seguinte grupo sería o de 12 a 19 anos para despois dar paso á cidadanía de entre 30 e 39 anos. Así, con independencia de que os contaxios da variante Ómicron se dispararan en todo o conxunto da poboación do país, amósase que as crianzas de menos de 11 anos (a maioría sen vacinar ou só cunha das picadas da pauta fronte ao virus) non están entre os principais grupos afectados.

O pasado 8 de xaneiro, a incidencia a 14 días situouse nos 2.152,6 casos por cada 100.000 habitantes. Se se compara coa do 29 de outubro, cando era de 18,17 casos por 100.000 habitantes -ao comezo da sexta onda-, o crecemento experimentado foi do 11.747%.

No caso das hospitalizacións, a porcentaxe de ingresos dos contaxiados dos últimos 7 e 14 días é de 1,2% e de 1,1%, respectivamente, nas distintas áreas de doentes estábeis, e de 0,1% e o 0,1% a 7 e 14 días nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI).