Coronavirus Galiza: A metade das persoas ingresadas nas UCI en Pontevedra non están vacinadas

Área de reanimación do hospital Montecelo, en Pontevedra, após a recente reforma. (Foto: Xunta da Galiza)
O coordinador de hospitalización Covid da área sanitaria -que tamén inclúe O Salnés-, Juan Turnes, destaca tamén que unha de cada tres persoas que son atendidas noutras unidades de hospitalización tampouco recibiron o tratamento fronte ao coronavirus.

Mentres se reactiva a campaña de vacinación das crianzas -estes días na franxa de idade entre os 7 e os 9 anos- e de continúa coa inoculación das doses de reforzo, persoal sanitario da Galiza revela outras informacións relacionadas cos fármacos creados para loitar contra a Covid-19.

O coordinador de hospitalización Covid da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Juan Turnes, destacou esta terza feira, 4 de xaneiro, que a metade das persoas ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) da demarcación "non están vacinadas".

O tamén xefe do servizo de Aparello Dixestivo, tamén afirmou que unha de cada tres doentes que están noutros espazos de hospitalizacións en centros como o Montecelo ou o do Salnés tampouco recibiron ningunha dose dos remedios contra o virus.

Así o manifestou Turnes ao facer balance da situación actual da pandemia e os contaxios nesa zona, pois na de Vigo a situación epidemiolóxica deu paso ao colapso da Atención Primaria.

O facultativo aclarou que na actualidade hai nove infectadas polo coronavirus nas UCI e 40 en camas en plantas convencionais. Iso supón, subliñou, "dez pacientes máis en hospitalización convencional e dúas menos en coidados intensivos" no Montecelo. Non houbo variacións no Salnés, onde as equipas sanitarias atenden 5 desas 40 doentes de menor gravidade. 

Turnes engadiu que "a metade dos pacientes en intensivos non foron vacinados e un de cada tres ingresados tampouco".

Peor na Atención Primaria

Con independencia destes datos, que non entrou a valorar máis aló da presión hospitalaria, o responsábel tamén aclarou que hai maior acumulación de traballo pola pandemia en Atención Primaria e nos servizos de Urxencias

En todo caso, na súa opinión, malia que o número de casos activos "é alto, podía ser maior" porque "aínda non pasaron suficientes días" para identificar os cambios no protocolo de seguimento de contactos da Xunta. "Todo fai pensar que vai seguir incrementándose o número de casos durante un tempo", alertou.