Coronavirus Galiza: Detectado un brote que afecta 22 persoas nun cruceiro que visitou A Coruña

Unha ambulancia ante o buque 'Queen Elizabeth', no peirao de transatlánticos da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O surto da Covid-19 foi detectado nun control cotiá pois agora se practican este tipo de exames ás persoas pasaxeiras. O tráfico de turistas por mar recuperouse na cidade hai pouco tempo.

O buque de pasaxeiros Queen Elizabeth, que ía estar atracado no peirao de transatlánticos da Coruña até a tarde desta terza feira, é escenario dun novo surto da Covid-19 na Galiza.

Segundo transcendeu este 4 de xaneiro -malia que o cruceiro chegou onte ás instalacións portuarias da cidade-, 22 persoas que ían a bordo deron positivo por coronavirus.

Os casos descubríronse de maneira rutinaria, pois agora as embarcacións de pasaxeiros teñen que realizar controis sanitarios para reducir o risco de contaxios.

Dada a situación, foi requerida unha ambulancia na zona pois unha das turistas enfermas tivo que ser trasladada a un hospital.

As outras 21 afectadas tiveron que desembarcar e se atopan en situación de illamento nun hotel coruñés.

Posíbeis cambios na axenda

Dáse a circunstancia de que na páxina web da Autoridade Portuaria da Coruña aparece reflexado o regreso deste mesmo cruceiro o próximo día 8 se ben nas últimas semanas non se recolle tanta información do destino ou a procedencia das embarcacións como era habitual antes da pandemia.

Ademais, a administración puntualiza que "debido á actual crise sanitaria esta previsión de escalas é provisional e está suxeita a posíbeis cambios".