Deixa unha reclamación "aos ruíns que están a desmantelar a sanidade pública"

Fragmento da reclamación ao Sergas. (Foto: Ramón Arousa)

Un usuario do Sergas pide un formulario para reclamar á Administración após unha mala experiencia do seu cuñado, positivo por Covid-19, nun centro hospitalario da área de Compostela.

Un cidadán vén de deixar unha reclamación nun hospital da área de Compostela pola atención recibida. A denuncia non sería nada novo, e menos nestes tempos. Pero esta protesta é novidosa porque o seu autor deixa a demanda “aos ruíns que están a desmantelar a sanidade pública para se enriquecer coa privada”.

O usuario do Sergas, cuxa queixa xurdiu após que o seu cuñado -con Covid-19 e dificultades para respirar- fora enviado á casa polos seus propios medios tras concluíren os equipos sanitarios que non debía quedar ingresado.

“Eses serán os responsábeis se eu ou a miña compañeira nos contaxiamos e só a eles debería ir dirixida a nosa carraxe”, destaca.

“E se me contaxio e non podo coller o voo do 7 de xaneiro a Suíza a denuncia tamén será para eles”, explica o denunciante, que tamén está a distribuír a súa reflexión a través das redes sociais.

Ante os recortes que pon de manifesto, invita a cidadanía a mobilizarse de forma unánime. “Mellor nos iría a todos se nos unimos e sinalamos co dedo a quen realmente é o responsábel”, proclama, pois faise portavoz do persoal sanitario que “comeza a estar canso desta maneira de traballar con tan poucos recursos e con tantas horas ao lombo, onde é lóxico que se cometan erros”.  

O propio afectado, que se cualifica de “impresentábel”, porque puido perder as formas no momento, agradece o traballo do persoal do Sergas.

Contexto de tensión

Todo isto dio após vivir unha situación límite, pois a súa irmá e o seu cuñado están contaxiados de coronavirus e este último precisou ser trasladado ao hospital por unha ambulancia do 061 afectado pola febre e as dificultades respiratorias.

“Pasou arredor das 20 horas. Ás 23.58, recibo a chamada de meu cuñado, que o mandan para a casa, pois os resultados foron óptimos e que temos que ir buscalo, pois o Sergas non se fai cargo”, lamenta.

Dada a situación, e sen estar contaxiados, o home e a súa parella desprazáronse en dous coches para que o enfermo volvese á casa nun deles.

“Cando chegamos ao hospital encontramos a meu cuñado cunha crise de ansiedade, os brazos agarrotados e moi mareado. Era imposíbel que el puidese traer o coche de volta nese estado”, destaca.

Así, entrou berrando no centro sanitario para protestar pola situación e as profesionais volveron atender o doente.

A realidade dos medios

Pero xusto após esa reacción, o reclamante recapacitou e conversou co persoal, que lle explicou a situación na que estaban. Por exemplo, só había dúas ambulancias libres para a demarcación e por iso non se permitiu o regreso nun destes vehículos do seu cuñado.

“Un médico cando toma esta decisión é porque non lle queda outra, pois se unha desas ambulancias está ocupada por desprazamentos de pacientes con Covid aos seus domicilios e pasa algo de vital urxencia, ben poderedes imaxinar en que leas se metería”, conclúe.