Coronavirus Galiza: os casos activos e as hospitalizacións seguen en descenso

Test de antíxenos da Covid-19 (Foto: Jesús Hellín/Europa Press).
A Galiza principia este mes de marzo cunha baixada das persoas hospitalizadas pola Covid-19, que se reducen a 434 (26 menos que o día anterior), mentres os novos contaxios, logo de dous días por baixo do milleiro, ascenden a 1.287.

Segundo os datos actualizados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da segunda, aumentan a 27 as persoas ingresadas en UCI debido á Covid-19 na Galiza (unha máis que na xornada anterior), pero descenden a 407 as hospitalizadas en unidades convencionais (-27), mentres que 16.431 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en cinco das sete: A Coruña-Cee, Ourense-Verín-O Barco, Lugo-A Mariña-Monforte, Ferrol e Pontevedra-O Salnés; e mantense nas de Compostela-O Barbanza e Vigo. Na área de Ourense descenden a tres os pacientes Covid en UCI (-1) e a 53 as doutras unidades (-10); mentres que a de Lugo, que levaba varios días sen críticos, conta con un (+1) e con 42 noutras unidades (-10).

Na da Coruña baixan a seis os pacientes ingresados pola Covid en UCI (-1) e mantén 94 noutras unidades; mentres que na de Ferrol seguen dúas en críticos e descenden a 36 os hospitalizados noutras unidades (-3). No que atinxe á área de Pontevedra seguen tres persoas ingresadas pola Covid en UCI e baixan a 73 as hospitalizadas noutras unidades (-2).

Polo seu lado, na de Vigo aumentan a cinco os pacientes Covid en UCI (+1), pero baixan a 43 os doutras unidades (-1); e na de Compostela aumentan a sete os críticos (+1), pero descenden a 66 os doutras unidades (-1).

Menos de 17.000 casos activos

Este mes de marzo comeza con 16.865 casos activos, que implican 1.203 menos que os rexistrados o día anterior, ao haber de novo máis altas (2.486) que contaxios (1.287), ao que se suman catro falecementos.

De novo a redución de casos activos é xeneralizada nas sete áreas sanitarias da Galiza, coa da Coruña á cabeza (-361), seguida da de Vigo (-212), Compostela (-198), Ourense (-153), Lugo (-106), Pontevedra (-77) e Ferrol (-73). Deste modo, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña, con 3.356; seguida de Vigo, con 3.341; Compostela, con 2.985; Lugo, con 2.132; Ourense, con 2.000; Pontevedra, con 1.913, e Ferrol, con 1.031.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade a sexta feira 25 de febreiro, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza sitúase nos 999,2 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal se reduce a 613,15.

Soben os novos positivos

A respecto dos novos contaxios de Covid-19, após dúas xornadas consecutivas por baixo do milleiro ascenden a 1.287, que implican 457 máis que os 830 cos que comezou esta semana, a cifra máis baixa no que vai de ano.

Na xornada desa segunda feira leváronse a cabo 2.479 PCR (277 máis que o día anterior), o que eleva a 3.698.266 as probas deste tipo efectuadas desde o inicio desta pandemia; e 3.026 test de antíxenos, que sitúan en 1.526.698 os levados a cabo no país, o que supón 5.505 entre ambas as dúas (+1.787 máis que o día anterior).

Pola súa parte, a taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— cae a 8,86% após comezar esta semana cun 12,51%. No entanto, continúa por riba do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia aumentan a 3.109 na Galiza, logo de notificar Sanidade esta terza feira outros catro óbitos, todos correspondentes a pacientes con patoloxías previas. Sanidade concretou que o pasado 23 de febreiro se produciu o falecemento dun home de 90 anos na área sanitaria de Vigo; o día 24 morreu un home de 76 anos na mesma área e o 25 do mes pasado unha muller de 89 anos da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte.

A estas vítimas súmase outra rexistrada o pasado 26 de febreiro, que corresponde a un home de 86 anos falecido na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Namentres, 478.541 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, após recibir o alta outras 2.486 na última xornada en todo o país.