Coronavirus Galiza: 8.427 novos contaxios, mais cae a presión nas UCI

Un home pasea pola Coruña en bicicleta (Foto: Europa Press).
A taxa de positividade aumenta a 26%. Nos hospitais galegos hai 541 persoas ingresadas, das cales 53 están nas unidades de críticos.

A Galiza volve rexistrar un incremento de casos activos da Covid-19 até os 64.781, que supoñen 5.330 máis que a xornada anterior —na que a Xunta comezou a aplicar o novo protocolo de altas—, tras rexistrarse 8.427 novos contaxios (+552), mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus aumentan a 541 —que implican 27 máis—. Pola súa parte, a taxa de positividade aumenta a 26% no conxunto do país.

Segundo os datos actualizados na mañá desta sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, descenden a 53 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 (-4), pero aumentan a 488 as hospitalizadas noutras unidades (+31), mentres que 64.240 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase de novo na de Vigo, onde baixan a 10 os pacientes Covid en UCI (-3) e a 77 os hospitalizados noutras unidades (-2); mantense na de Ferrol e aumenta nas outras cinco. Deste modo, na da Coruña e Cee soben a 16 os pacientes Covid ingresados en UCI (+1) e a 118 os doutras unidades (+15); mentres que na de Ourense, Verín e O Barco aumentan a sete o críticos (+1) e a 75 os doutras unidades (+5).

Na de Compostela e O Barbanza mantéñense sete ingresados por este coronavirus en UCI e aumentan a 73 os doutras unidades (+4), e na de Lugo, aínda que descenden a tres o críticos (-1), soben a 50 os doutras unidades (+5). Polo seu lado, na área de Pontevedra e O Salnés descenden a sete os pacientes Covid en UCI (-1), pero aumentan a 63 os doutras unidades (+3). En canto á de Ferrol, redúcense a tres o críticos (-1), mentres soben a 32 os hospitalizados noutras unidades (+1).

Casos activos

Os casos activos manteñen a tendencia ascendente —após a adaptación este xoves pasado por parte do Sergas do novo protocolo de altas de pacientes infectados pola Covid que reduce os días de corentena—, e ascenden a 64.781, que supoñen 5.330 máis que o día anterior.

Por áreas sanitarias, o maior incremento corresponde á de Vigo (+1.828), seguida da da Coruña (1.156), Compostela (916), Pontevedra (631), Lugo (366), Ourense (310) e Ferrol (123). Así, con máis casos activos mantense a área sanitaria de Vigo, con 15.902; seguida da Coruña, con 13.049; Compostela, con 10.089; Ourense, con 8.048; Pontevedra, con 7.241; Lugo, con 6.683; e á cola continúa a de Ferrol, con 3.769.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade o 13 de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días da Galiza aumenta a 3.249 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 3.157 de media no Estado español.

8.427 novos contaxios

Pola súa banda, lls novos contaxios de Covid-19 aumentan a 8.427, que supoñen 552 máis que os 7.875 da quinta feira, algo máis que os 8.343 do cuarta, tras os 5.927 da terza e comezar esta semana con 4.966.

Nas últimas 24 horas realizáronse 7.469 PCR, que representan 699 menos que o día anterior, e eleva a 3.448.117 as feitas desde o inicio da pandemia; e 11.658 test de antíxenos (-811), que suman 1.268.201, o que supoñen 19.127 probas efectuadas entre ambas —unhas 1.510 menos que o día anterior—.

En canto á taxa de positividade en PCR —número de infeccións detectadas cada 100 test—, volveu a aumentar a 26,1% tras caer lixeiramente a un 25,32% na cuarta feira. Así, mantense moi por riba do limiar de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Vítimas mortais e altas

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto de Galicia ascenden a 2.836, ao notificar Sanidade esta quinta feira catro novos óbitos. Mentres, 251.583 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse en toda a Galiza desde o comezo desta crise sanitaria, que constitúen 3.093 máis que as rexistradas até o día pasado.