Coronavirus Galiza: 1.200 novos contaxios mentres descenden a 419 as hospitalizacións

O certificado Covid só é obrigatorio agora en residencias e hospitais (Foto: Arxina).
A Galiza mantén a evolución descendente de casos activos de Covid-19 e de pacientes hospitalizados, que baixan a 16.109 (756 menos) e 419 (-15), respectivamente.

Segundo os datos actualizados esta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da terza, increméntanse a 29 as persoas ingresadas en UCI debido á Covid-19 na Galiza (dúas máis que na xornada anterior), pero baixan a 390 as hospitalizadas en unidades convencionais (-17), mentres que 15.690 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en catro das sete: Ferrol, Compostela-O Barbanza, A Coruña-Cee e Pontevedra-O Salnés; sobe lixeiramente na de Vigo e mantense nas de Ourense-Verín-O Barco e Lugo-A Mariña-Monforte. No caso concreto da de Pontevedra aumentan a catro os pacientes Covid en UCI (+1), mentres descenden a 62 os ingresados noutras unidades (-11); e na de Ferrol seguen dúas en críticos e caen a 33 os doutras unidades (-3).

Na área da Coruña baixan a cinco os pacientes Covid en UCI (-1) e seguen 94 noutras unidades; mentres que na de Compostela continúan sete en críticos e redúcense a 64 os doutras unidades (-2). Pola súa parte, na de Vigo mantéñense cinco pacientes ingresados pola Covid en UCI e aumentan a 44 os hospitalizados noutras unidades (+1). No caso da de Lugo aumentan a tres os críticos (+2), pero baixan a 40 os doutras unidades (-2). E no caso da área sanitaria de Ourense seguen tres pacientes Covid en UCI e 53 permanecen hospitalizados noutras unidades, en ambos os casos sen cambios.

Menos casos activos

Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso na Galiza e sitúanse nos 16.109, que implican 756 menos, ao haber de novo máis altas (1.969) que contaxios (1.215), ao que se engaden dous falecementos.

A redución de casos activo volve ser xeneralizada nas sete áreas sanitarias, coa da Coruña á cabeza (-154), seguida de Lugo (-125), Ourense (-124), Compostela (-111), Vigo (-109), Ferrol (-68) e Pontevedra (-55). Así, con máis infeccións activas sitúase a área de Vigo, con 3.232; seguida da Coruña, con 3.202; Compostela, con 2.874; Lugo, con 2.007; Ourense, con 1.876; Pontevedra, con 1.858, e Ferrol, a única por baixo do milleiro, con 963.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta terza feira, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza descende a 825,9 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a media estatal cae a 515,1.

Outros 1.200 novos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por segunda xornada consecutiva na contorna dos 1.200, cun total de 1.215, que implican 72 menos que os 1.287 da xornada anterior, tras comezar esta semana con 830 —a cifra máis baixa no que vai de ano—.

Deste modo, os contaxiados desde o inicio da pandemia ascenden na Galiza a 499.677, dos cales 118.132 corresponden á área de Vigo; 104.695, á da Coruña; 78.606, á de Compostela; 59.506, á de Ourense; 57.745, á de Pontevedra; 52.216, á de Lugo, e 28.169, á de Ferrol.

Na última xornada realizáronse 3.528 PCR (1.049 máis que o día anterior), o que eleva a 3.701.894 as probas deste tipo efectuadas desde o inicio da pandemia; e 2.533 test de antíxenos, que sitúan en 1.529.231 os levados a cabo no país, o que representa 6.061 entre ambas as dúas (+556).

Polo seu lado, a taxa de positividade —número de PCR positivas por cada 100 realizadas— aumenta a 9,55%, tras baixar a 8,86% esta terza feira e comezar a semana en 12,51%. Fica por riba do limiar de 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Persoas falecidas e curadas

As persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 3.111, logo de notificar Sanidade esta cuarta feira outras dúas vítimas, ambas as dúas con patoloxías previas. Os dous óbitos rexistráronse o pasado 28 de febreiro; un deles un home de 82 anos que morreu na área sanitaria de Vigo, e o outro correspondeu a unha muller de 93 anos na área de Pontevedra e O Salnés.

Pola súa parte, 480.510 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir o alta outras 1.969 na última xornada en toda a Galiza.