Nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras

Unha corentena de muíños de Greenalia e Galenergy axexan o Monte do Gato

Mapa cos seis parques eólicos que proxectan Greenalia e Galenergy no Monte do Gato e as zonas da Reserva da Biosfera (Infografía: Nós Diario).
Seis parques eólicos, que a veciñanza denuncia que conforman un único 'macroproxecto', ameazan o emblemático Monte do Gato. Aliás, o recente achado dun Ben de Interese Cultural na contorna e a afección directa ao núcleo dunha Reserva da Biosfera poñen en cuestión a viabilidade destas infraestruturas.

A plataforma Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo mantivo onte un primeiro encontro para informar a veciñanza das posíbeis afeccións derivadas dos seis parques eólicos que actualmente está a tramitar a Xunta no Monte do Gato (nos termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras), tres operados por Greenalia SA (Felga, Gato e Penas Boas) e outros tres por Galenergy SL (Feás, Fontella e Seselle). Esta última é unha filial de Breotecnia SA, da que é accionista o actual alcalde de Palas de Rei, como xa informou este xornal.

"Para nós é un caso moi evidente de fragmentación artificial dun único 'macroparque', semella que repartisen o pastel entre as dúas empresas", sinala, en conversa con Nós Diario, a portavoz do colectivo e secretaria do monte veciñal das Fervenzas, Aranza González.

Lembra, neste senso, a recente sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza na que tombaba o proxecto eólico Sasdónigas, separado en dúas fases de forma "artificial" a ollos do xuíz. "Os parques do Monte do Gato comparten algunhas infraestruturas, polo que poderiamos atoparnos tamén ante un fraude de lei", sostén.

Negociacións

González salienta a "falta de información" e "opacidade" por parte dos concellos afectados: "Soubemos cando xa estaban a ser tramitados pola Consellaría, malia que desde a propia empresa aseguraron que o Goberno local recibira a información sobre os proxectos".

En novembro do pasado ano, Greenalia negociou coa veciñanza a venda dos terreos para os parques Gato e Penas Boas: "Viñeron e contaron a parte boa, que nos pagarían 70.000 euros e que só serían dez aeroxeradores e unha liña eléctrica soterrada, mais tamén advertían que, se for preciso, acudirían á vía da expropiación. Dixeran que en xaneiro comezarían as obras, mais daquela aínda non se sometera nin sequera a exposición pública", explica.

Apenas unha semana despois de enviar a súa proposta económica (que non chegou a ser asinada), afirma González, foron aparecendo os outros catro proxectos. "Iso non foi o que nos venderan, porque agora atopámonos con 40 aeroxeradores en seis parques", di.

Patrimonio cultural

Así as cousas, o recente achado por parte do arqueólogo Antón Malde da Torre de Teodomiro no Monte do Gato podería paralizar os proxectos, xa que se trata dun Ben de Interese Cultural (BIC) catalogado pola Xunta e recoñecido no plan urbanístico de Aranga, mais aínda non fora xeolocalizado: "Temos indicios fortes de que esta fortaleza da Alta Idade Media podería estar aquí. Ten un valor documental extraordinario, xa que hai poucas torres deste estilo e ademais está referenciada nun documento do propio rei Teodomiro", expón Malde a Nós Diario.

Malia que o castelo non entraría nas poligonais dos parques, toda a contorna está protexida. O arqueólogo prepara unha nova prospección para determinar o alcance da edificación, que se atopa moi perto dunha necrópole megalítica que Malde estudou na década de 1980. "Ten moitos túmulos nun espazo reducido, e axúdanos a comprender que hai 5.000 ou 7.000 anos había unhas características ambientais semellantes, porque alí se asentaron os nosos devanceiros".

A este respecto, Aranza González salienta que recentemente a plataforma se reuniu con representantes da dirección xeral de Patrimonio Cultural: "Tres dos proxectos mencionaban este BIC e outros tres non, e dixeron que se trataba dun erro, que o BIC non debería estar aí", di, en referencia á posibilidade de que sexa "descatalogado".

Afeccións á Reserva da Biosfera das Mariñas-Mandeo

Os seis eólicos do Monte do Gato sitúanse en plena Reserva da Biosfera das Mariñas-Mandeo, e, malia que ambas as empresas aseguraron que se respectarían os espazos protexidos, os aeroxeradores do parque Fontella estarían en plena "zona núcleo" da citada reserva natural (espazo que cómpre protexer).

Inclúe, así mesmo, os terreos das Brañas do Deo propostas para a ampliación da Rede Natura 2000 no ano 2011, malia que finalmente non se incluíron no seu plan director. Polo de agora, a Xunta non aclarou se protexerá espazos propostos para a ampliación da rede como este ante o inzamento de proxectos eólicos. Con todo, ao tratarse a que afecta o Monte do Gato dunha área delimitada inicialmente no Plan Sectorial Eólico de 1997, prevalece este uso sobre a súa conservación.

Así as cousas, a plataforma, da que xa participan perto de 80 persoas, convoca unha mobilización "contra o espolio do Monte do Gato" para o vindeiro 5 de xuño.

Asociación veciñal contra o parque eólico Legre

Por outra banda, este domingo constituíse, tamén en Oza-Cesuras, a Asociación A-Legre (Acción contra o parque eólico Legre), "porque representa a postura veciñal e porque queremos vivir felices e alegres no noso rural como até o de agora", segundo informaron desde a plataforma. Legre é un dos catro proxectos de Green Capital Power SL na contorna, que tamén formarían "un único 'macroparque'", alén de varias liñas de alta tensión procedentes de diferentes parques que atravesarían o municipio.