Madrid aínda non ratificou o Acordo de París

COP 22, unha cita polo clima en Marrakech

Refinaria da Coruña

Poucos días após a entrada en vigor do Acordo de París, o pasado día 4, Xefes de Estado e ministros participan desde esta terza feira na COP 22, a Conferencia da ONU sobre as mudanzas climáticas 

A COP 22 comezou na semana pasada en Marrakech, no Marrocos. Asistirán perto de 180 líderes, Xefes de Estado e ministros, asinantes do Acordo de París, xusto unha semana despois da elección de Donal Trump, cuxa posición neste tema é bastante escéptica. Xunto a Ban Ki-moon estarán o Rei de Marrocos, Mohamed VI, François Hollande ou Michelle Bachelet mais tamén moitos líderes africanos como o presidente do Sudán, Omar al-Bashir buscado polo Tribunal Penal Internacional por crimes de guerra en Darfur.

Antes do fin do encontro o día 18 de novembro, os Estados asinantes esperan definir as regras para o acordo e preparar un plano viábel para fornecer 100 mil millóns de dólares para apoiar a acción climática en países en desenvolvemento.

O obxectivo é manter o aumento da temperatura global neste século por baixo dos 2 graos Celsius sobre os índices preindustriais e procurar accións para o limitar a 1.5, xusto cando se anuncia que o ano 2016 será o máis cálido desde que existen rexistros e se situará en 1,2 graos de aumento sobre os valores de 1880.

Desde 1880, dos 17 anos máis cálidos, 16 sitúanse no século XXI.

Durante a primeira semana da COP 22, en paralelo ás negociacións entre partes, días temáticos sobre as florestas, a auga, as cidades, a enerxía ou o transporte, salientouse o papel crucial de axentes non estatais, especialmente as ONGs, para o éxito do acordo.

O Acordo de París, sen ratificación española

España non ratificou aínda o Acordo de París porque, segundo o Ministerio de Medio Ambiente, o feito de estar o goberno en funcións impedía facelo. Esta circunstancia non impediu que o mesmo goberno en funcións prorrogase a presenza de ENCE na ría de Pontevedra. 

No último período, España incrementa emisión de gases de efecto estufa nun 3% mentres a UE reduce unha media de 7%

Neste mesmo marco, e segundo os datos facilitados pola Axencia europea de medio ambiente, o Estado español é o territorio europeo que máis se afasta, desde 1990, ano de sinatura do protocolo de Kioto, do cumprimento de obxectivos canto á emisión de gases de efecto estufa se refere, até o punto de manter un incremento nos derradeiros anos para alén do 3%, cando a media europea supón un descenso de entre un 7% e un 9%. Parte deste aumento na emisión de gases débese, segundo os expertos,  ao incremento do consumo de enerxía xerada en centrais térmicas que usan carbón.