Cooperación universitaria para investigar terapias avanzadas

Manuel Reigosa, Julio Abade e Antonio López. (Foto: Europa Press)
As Universidades asinan un novo protocolo 

As tres universidades galegas asinaron hoxe un protocolo que busca sementar os alicerces dunha rede de investigación colaborativa enfocada na execución de proxectos de investigación básica, preclínica e clínica de forma coordinada e cooperativa. Isto permitirá que se aproveiten as sinerxías entre os distintos grupos, institutos e centros de investigación do país, así como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

No acto de hoxe participaron os reitores das universidades públicas Antonio López (Santiago), Julio Abalde (A Coruña) e Manuel Reigosa (Vigo), xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e tamén representantes das tres fundacións de investigación sanitaria e a xerente da empresa pública Galaria, Rocío Mosquera.

Precisamente Mosquera foi a encargada de abrir a xornada decorrida no Pazo de San Lourenzo, no Campus Sur de Compostela, que supón "a primeira pedra" deste centro que albergará "arredor del unha unidade de investigación" sobre as terapias avanzadas, sinaladamente as denominadas 'CAR-T', para que a Galiza "sexa pioneira" neste campo.

Segundo indicaron desde as tres Universidades, este proxecto permitirá "sumar as capacidades de diferentes grupos de investigación; coordinar liñas de traballo que requiran dunha infraestrutura complexa ou importantes recursos para o salto a ensaios clínicos; posibilitar a participación conxunta para multiplicar as posibilidades de obtención de orzamento; e facilitar o desenvolvemento, proba e validación de novos fármacos en investigación experimental, dos que se beneficiarán os pacientes da Galiza e, potencialmente, os de todo o Estado".

O concelleiro de Sanidade sostivo ao respecto que esta unidade desenvolverá novas terapias avanzadas coa idea de que os fármacos se ofrezan aos pacientes do Sergas. O centro estará en probas "no último trimestre de 2023" para que estea en funcionamento "nos primeiros meses de 2024", adiantou Comesaña. De feito, a comezos do mes de maio, desenvolveranse os exames do proceso selectivo para dotalo de persoal, que se incorporará no verán. 

Este centro en terapias avanzadas conta cun investimento de 2,5 millóns de euros.