Convocan protestas contra as touradas en Pontevedra

Manifestación contra as touradas en Pontevedra en 2022. (Foto: Nós Diario)
Os colectivos antitaurinos critican as leis de Protección Animal galega e de Benestar Animal estatal.

Outro ano máis, e coincidindo coa realización da Feira taurina de Pontevedra, varios colectivos abolicionistas da tauromaquia convocaron mobilizacións e actos de protesta contra as dúas touradas programadas, nesta ocasión, para os domingos 6 e 13 deste mes de agosto.

Nunha comparecencia diante dos medios de comunicación, anunciaron, en concreto, que para o día 6 de agosto as asociacións Irmandade Antiespecista e Loita Raposa teñen previsto realizar unha performance na céntrica praza da Peregrina para posteriormente facer unha concentración no mesmo lugar.

Para a seguinte fin de semana, o sábado día 12 ás 20 horas, será o colectivo Touradas Fóra de Pontevedra quen convoque unha manifestación que partirá tamén da Peregrina para percorrer as rúas da vila do Lérez baixo o lema 'Nin arte nin cultura'. 

Críticas ás leis

Na presentación das protestas, integrantes destes colectivos fixeron un chamamento á participación cidadá. Desde Touradas Fóra de Pontevedra critican que a Lei de Protección Animal galega e a Lei de Benestar Animal estatal "fan das touradas unha excepción". 

Ademais, o colectivo demanda que se poña fin ao convenio que o Concello de Pontevedra -que non subvenciona nin colabora e mesmo rexeita publicamente as touradas-, asina cos propietarios da praza de touros para o uso das súas instalacións para actividades públicas de carácter cultural, como é o caso do torneo medieval da Feira Franca.

Segundo este colectivo estas touradas anuais "danan a imaxe da cidade", ao ser algo "totalmente contrario" aos valores que proxecta internacionalmente Pontevedra.

Por último, as entidades expresaron tamén a súa "gran preocupación" ante o cambio no goberno que tivo lugar na Deputación de Pontevedra tras as últimas eleccións municipais. Segundo afirmaron, teñen "medo" a que coa chegada do PP esta institución volva retroceder "a hai máis de oito anos".

Neste sentido alertan de que se financien outra vez estes eventos taurinos. Proba deste temor, as entidades abolicionistas achegaron algúns datos. Entre eles que a Deputación de Pontevedra destinou, entre os anos 2009 e 2014 co PP, até un total de 120.000 euros que se destinaron de maneira íntegra á publicidade taurina.