AS PESCUDAS APUNTAN A UN FEMINICIDIO EN ARBO

Convocadas concentracións contra o crime machista

Os movementos feministas veñen de convocar concentracións para esta segunda feira en distintos puntos de Galiza polo suposto crime machista de Arbo.

Dado que as pescudas da Garda Civil sobre o asasinato de Beatriz Rodríguez Mariño e de Sergio Rodríguez Fernández se centran no ex compañeiro da muller, o movemento feminista galego convocou para esta segunda feira concentracións en distintos puntos do país en repulsa contra o crime machista.


De se confirmar o feminicidio de Arbo, trataríase do segundo na Galiza, segundo cifras oficiais, no que vai de ano após o asasinato de Isabel Fuentes o 8 de maio no Hospital de Ourense (CHUOU).


As convocantes salientan que seguirán na rúa “mentres se manteñan as estruturas e os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista, este feminicidio, estas agresións e asasinatos de mulleres”. Advirten de que “ningunha agresión ficará sen resposta”.


O movemento feminista fai un chamamento a toda a sociedade galega a participar nas concentracións de repulsa que terán lugar mañá ás 20h nos seguintes lugares:


Compostela: Porta do Camiño
A Coruña: Obelisco
Ferrol: Praza do Concello
Ourense: Subdelegación do Goberno
Vigo: No Marco