Un só mundo e unha soa saúde contra os virus do futuro

Pegadas da varíola do mono no brazo e na man dunha crianza. (Foto: Europa Press)
A varíola do mono suma máis de 600 casos confirmados fóra de África, con Reino Unido á cabeza, seguido do Estado español e Portugal. Na Galiza consta un único positivo dos 156 notificados onte polo ministerio de Sanidade.

Foi a primeiros de maio, no momento en que a doenza deu o salto a Europa, cando as autoridades sanitarias lanzaron unha alerta internacional que África leva décadas reclamando para si. A varíola do mono é endémica nunha ducia de países do continente, aínda que só catro rexistraron gromos continuados nos últimos dous anos: Camerún, Nixeria, República Central Africana e República Democrática do Congo (RDC), onde circula unha variante do virus diferente da que se está a secuenciar en Europa, máis agresiva e contaxiosa. Só nos dous primeiros meses de 2022 RDC notificou 704 casos e 37 mortes, segundo a OMS.

A varíola do mono fíxose visíbel ao saír de África, mais xa se coñecía. Con todo, podería saberse moito máis dela, apunta a Nós Diario o decano da facultade de veterinaria da USC e experto en enfermidades infecciosas Gonzalo Fernández González. "Cando as infeccións afectan a países menos desenvolvidos o estudo que se fai delas é moi limitado".

"Sabemos que hai moitos patóxenos en zonas selváticas de Asia, África e América infectando animais. En zonas onde o control de especies e das enfermidades silvestres é practicamente inexistente".

Patóxenos á espreita

González pon o foco nas interaccións das persoas co medio natural e no cambio climático. "Temos que ter claro que a nosa relación co medio ambiente importa e que é necesario facer estudos dos patóxenos que están esperando a dar o salto aos humanos mais das infeccións que son capaces de producir".

En Brasil, explica, a OMS ten laboratorios onde controla  determinados patóxenos, "ponos en animais silvestres e observa que tipo de virus pode haber no futuro".

Trátase dun traballo de prevención, "pero tamén hai que estabelecer sistemas de vixilancia nos países da nosa contorna". As zoonoses son infeccións que poden pasar dos animais ás persoas e das persoas aos animais. "O lóxico é ter unha visión global do problema. Hoxe é a varíola do mono e mañá pode ser calquera outra doenza de orixe animal".

Neste caso, di, trátase dunha enfermidade causada por un virus endémico en zonas selváticas do continente africano. É endémico en roedores nativos ─ratas, leiróns, esquíos; transmisores do virus─, mais non está tipificado porque falta estudar ben cales son as infeccións e a que especies afectan". Compara esta falta de coñecemento co que se ten aquí dos corzos, por exemplo, cuxas infeccións están moi tipificadas "E non son iguais ás que teñen os corzos ou os xabarís".

Os roedores son os hospedadores do virus que provoca a varíola do mono, acalara, "os primates son tan sufridores da doenza como as persoas". A orixe da enfermidade está no contaxio animal persoa. Aí é onde se pode previr. Cando dá o salto aos seres humanos  a infección é autolimitante e non se propaga con facilidade".

Sobre a posibilidade de que se chegue a estabelecer un reservorio animal fóra de África, en fauna silvestre, asegura que o máis importante é que exista un control veterinario das mascotas e doutros animais da contorna das persoas infectadas. “Convén que permanezan illadas para evitar que se poida dar e esa posibilidade, pouco probábel".

No ano 2003, nos Estados Unidos, non sucedeu. A importación de roedores procedentes de Ghana provocou un gromo que se identificou axiña e se controlou. Os roedores nativos africanos contaxiaron outras especies (Cynomys) que se venderon como mascotas e infectaron 72.

Fernández defende unha visión global e multidisciplinar na que ademais de persoal médico e veterinario participen profesionais da ecoloxía, da bioloxía ou da socioloxía. E chama a estabelecer estratexias de vixilancia e prevención ante calquera enfermidade deste tipo. "Nós estamos afeitos a traballar con infeccións que se moven en determinadas poboacións, entre granxas, entre países, e desenvolvemos unha serie de mecánicas moi útiles. Estamos acostumados a un traballo colaborativo que non ten tanta repercusión pero funciona", con protocolos específicos ante a aparición de gromos ou risco de contaxio. "Mesmo se forma os sanitarios en enfermidades que hoxe non existen pero que poden volver, como a febre aftosa".

Una soa saúde, e global

Gonzalo Fernández defende a estratexia One Health, pero chama a atención sobre outro concepto: "One World, un único mundo. Non podemos pensar que o que pasa en África ou en Asia ou en América non nos vai afectar. Convivimos con infeccións zoonóticas que invitan a observar e traballar de forma global: a gripe, que ten nos animais a orixe das novas cepas, o ébola, que ten o reservorio nos morcegos, e os coronavirus".