Controlados os incendios de Boiro e Valdeorras

O macroincendio de Laza e Chandrexa de Queixa é o único activo nestes momentos xunto ao do Irixo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Os fogos de Laza e Chandrexa de Queixa confluíron nun mesmo 'macroincendio' que segue activo e xa queimou 2.100 hectáreas, segundo as primeiras estimacións.

Os incendios de Boiro e Carballeda de Valdeorras quedaron xa controlados, mentres que o orixinado en Boborás deuse por estabilizado, e ningún deles rexistra variacións a respecto da superficie queimada, segundo o último balance publicado pola Consellaría do Medio Rural, con datos até as 8.30 horas desta sexta feira.

Así, o fogo iniciado na parroquia de Cures, en Boiro, foi controlado esta quinta feira arredor das 20.02 horas, após calcinar perto de 2.200 hectáreas.

O outro foco da provincia que ficaba activo situábase nas Pontes, orixinado na parroquia homónima, e foi declarado extinguido pasadas as 2.15 horas da madrugada. Afectou finalmente unhas 109 hectáreas. Tamén neste municipio dábase por extinguido esta quinta feira o lume iniciado na parroquia de Vilavella, que queimou 60 hectáreas.

Pola súa parte, o incendio forestal de Boborás, orixinado na parroquia de Asturenses, foi estabilizado esta quinta feira pasadas as 21.15 horas, afectando unhas 120 hectáreas.

Por controlados déronse xa os incendios de Carballeda de Valdeorras —ás 20.28 horas—, orixinado na parroquia de Casaio e que afecta 440 hectáreas; e o de San Xoán de Río, que se iniciaba en Vilardá ás 15 horas da quinta e dábase por controlado pasadas as 2 horas desta madrugada, após calcinar 20 hectáreas.

Aliás, no seu parte da tarde desta quinta feira Medio Rural informaba dun lume en Vilariño de Conso, na parroquia de Sabuguido, que afectaba de novo o parque natural do Invernadeiro —nunhas 0,21 hectáreas—. O foco iniciouse ás 17.39 horas e deuse por controlado ás 18.55 desta mesma quinta. Agora, segundo os datos desta mañá, xa foi extinguido —unha hora despois de ser controlado.

Por último, os incendios de Laza e O Irixo non rexistran variacións. Así, o Goberno galego informa de que os focos de Laza e Chandrexa de Queixa uníronse nun único fogo, que afecta unhas 2.100 hectáreas —sen cambios—.

O do Irixo, pola súa parte, iniciado na parroquia de San Cosmede de Cusanca, continúa activo, con 680 hectáreas queimadas. Esta quinta feira desactivábase a situación 2 de alerta por proximidade a vivendas no distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro, após remitir o perigo para os núcleos de poboación.

Tanto este foco como o de Laza, destaca Medio Rural, están "practicamente perimetrados" e "evolucionan favorabelmente cara á súa estabilización", se ben son os únicos que fican activos nestes intres.