Controlado o incendio de Manzaneda entre críticas

As cifras da Xunta non coinciden coas valoracións que chegan desde o concello. Segundo a versión oficial queimaron 465 hectáreas e desde Manzaneda fálase de 1.000. Extinguido tamén o lumes rexistrados no Saviñao (95 ha).

O goberno galego informou que o lume que se iniciou onte sábado ás 12:48 horas na parroquia de Cesuris, en Manzaneda, quedou controlado ao longo desta mesma maña de domingo. A situación meteorolóxica botou unha man nunhas tarefas de extinción que se realizaron, segundo comentou á prensa o propio alcalde deste municipio ourensán, “sen medios”. Tamén é contraditoria a versión oficial que fala de “estimacións provisionais” e cifra en 465 hectáreas a superficie afectada cando en Manzaneda falan de que chegarían ás 1.000 hectáreas. Tampouco coincide a versión da Xunta no valor ecolóxico da zona queimada posto que segundo a versión oficial na súa meirande parte era monte raso e desde o concello informan de que se perderon especies autóctonas da zona.

No mesmo informe considera controlado outro incendio na parroquia de Sobreda, concello do Saviñao. Segundo as estimacións provisionais do goberno galego a superficie afectada sitúase nas 85 hectáreas, das cales aproximadamente 55 corresponden a monte raso e as 30 restantes a arborado. No control deste lume traballaron 1 técnico, 5 axentes forestais, 21 brigadas, 7 motobombas, 2 palas, 4 helicópteros e 6 avións.