Un lume aínda activo queima 300 hectáreas en Manzaneda

Estimacións provisionais da propia Xunta falaron esta mañá de 50 hectáreas. Controlado o lume no concello de Riós, que atinxiu 30 hectáreas. Permanece tamén activo outro incendio no concello lugués do Saviñao que superou xa as 20 hectáreas.

A estas horas os datos difundidos pola propia Xunta son confusos. Nun primeiro informe comunicábase un lume en Manzaneda coa orixe na parroquias de Cesuris e con inicio as 12:48 horas. Neste primeiro adianto as hectareas queimadas eran 50 e afectaban a unha adega da zona segundo difundiron algunhas axencias. Horas despois unha mensaxe a través das redes sociais, Twitter, enviada desde o perfil oficial da Xunta aumentaba a cifra a 300 hectáreas.

No incendio participan a esta hora cinco axentes forestais, 17 brigadas, cinco motobombas, tres palas, catro helicópteros e seis avións. O alcalde de Manzaneda, David Rodríguez, criticou a "falta de coordinación" nos traballos de extinción desde primeira hora. En declaracións a unha axencia de prensa asegurou que as brigadas traballan sen medios.

Lumes tamén en Riós e o Saviñao

A esta hora a Xunta asegura que outro lume na provincia de ourense, concretamente no concello de Riós xa fica controlado. Nel arderon 30 hectáreas segundo reportou o Goberno galego. Aliás, continúa activo outro incendio no concello do Saviñao, en Lugo, onde as estimacións provisorias sinalan que o lume xa atinxe máis de 20 hectáreas.

@s conselleiros de Medio Rural e Medio Ambiente de festa malia os lumes

Os lumes activos non modificarán a axenda institucional do Goberno galego deste domingo. Nela recóllese que a Conselleira do Medio Rural, Rosa Quinana, asistirá a unha festa homenaxe aos xubilados na parroquia de Lobelos, en Cee. Asemade, o conselleiro de Medio Ambiente tamén irá de festa mañá. Agustín Fernández acudirá aos  actos da festividade do Stmo. Cristo da Agonía no Porriño. Así se recolle nas previsións remitidas polo gabinete de comunicación da Xunta de Galiza ás 18:27h de hoxe, momento no que xa se coñecían os lumes de Manzaneda e Riós.