Control animal a golpe de avistamento

A Xunta autoriza batidas excepcionais en lugares con "especial risco de incidencia" da fauna salvaxe.(Europa Press)
A autorización excepcional de certa actividade cinexética co pretexto do control das especies salvaxes bate cos argumentos das organizacións ecoloxistas, que ven no aval da Xunta aos argumentos do sector cinexético unha concesión inxustificada a esta actividade nun momento de parálise da súa actividade. 

Baixo o argumento de "evitar incidencias que poidan provocar a fauna salvaxe e primar así a seguridade das persoas e o tráfico viario, ademais de reducir os danos nas extensións agrarias no inicio da época de semente", o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) avalaba en abril a continuidade do exercicio excepcional da caza durante o estado de alarma, ampliado agora a accións grupais, mediante batidas, e xa non unicamente individuais. 

Os criterios, esgrimidos polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda –a Administración galega preside este órgano, creado para xestionar os efectos da crise pola pandemia, no que están representadas a Delegación do Goberno e a Federación galega de municipios e provincias, Fegamp– baten frontalmente cos das organizacións ecoloxistas galegas, que rexeitan que a actividade cinexética poida verse como unha actividade esencial neste período de restrición da actividade e que tachan a medida de "inxustificada", ao ver nela unha nova concesión ao sector cinexético por parte da Xunta.

De feito, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, chegou a manter unha nova xuntanza coa Federación Galega de Caza para "difundir os valores medioambientais asociados á actividade cinexética". Na difusión deste encontro, a Xunta salientaba o "diálogo constante co sector cinexético" para "mantelo informado de todas as medidas e restricións en materia de caza" derivadas do estado de alarma.

En declaracións a Nós Diario, a asociación ecoloxista Adega advirte do "sensacionalismo" e o "perigoso discurso do medo que están a difundir as Administracións –Xunta e Goberno estatal, que tamén vén de recomendar o mantemento da caza para o control animal durante o estado de alarma– ao par do sector cinexético", ao aludir ao necesario "control" de especies como o xabarín na corentena.

"A poboación do xabarín non está descontrolada, senón que carece de xestión, pois a súa  situación segue sendo igual que nos últimos meses e anos", afirma esta organización, que pon en dúbida tamén a validez da caza como método para reducir os danos das colleitas, previr accidentes de tráfico ou, como esgrime o sector, conservar a biodiversidade. 

Así o entenden tamén en Ecoloxistas en Acción, que non atopan "ningunha xustificación" para autorizar batidas durante o confinamento, unha posición similar á que levou a Fundación Franz Weber a trasladar ao Goberno estatal unha denuncia contra a Xunta por entender que a autorización das batidas podería infrinxir o estado de alarma. "Por moito que o repitan non hai unha invasión da fauna salvaxe. O seu control cinexético non é máis que unha burda escusa para seguir matando" denuncia Ecoloxistas en Acción. 

Ciclos reprodutivos

O doutor en bioloxía Francisco Carro, que traballa no seguimento de fauna no parque natural de Doñana, desbota a posibilidade dunha "proliferación esaxerada" da fauna por efecto de semanas de confinamento. "A nivel biolóxico é imposíbel que a poboación dun animal como o xabarín medre de forma significativa nese tempo, dados os seus ciclos reprodutivos", observa.

Para o especialista galego, os reiterados avistamentos de fauna salvaxe que sosteñen o discurso do sector da caza teñen unha explicación diferente á da "expansión descontrolada". "O que si ocorre cos animais nesta etapa é que cambian o seu comportamento pola falta de actividade humana. Ao non haber tanta xente poden verse polo día con máis facilidade", expón. 

 Carro remítese tamén ao fenómeno polo que se reafirma a sensación, non contrastada, de que a fauna está invadindo os espazos urbanos por repetición de informacións nese sentido. "Esas proliferacións esaxeradas non existen en dous meses, mais ás veces creáse un estado de cousas que fai pensar que si. É verdade que os animais tenden a ser máis diurnos cando non teñen competencia humana, pero non medran até ser unha praga da noite para o día", rexeita, sinalando que se decotío non se producen tantos avistamentos é porque, coa actividade ordinaria, os animais evitan o contacto coas persoas. 

No mesmo sentido, desde Adega sinalan que os avistamentos recentes son "anecdóticos e sempre existiron". "Durante o confinamento non houbo unha explosión de fauna nin de invasión desta en zonas poboadas nin un comportamento anómalo dos animais. Os casos de gravacións en zonas urbanas son puntuais, moitos deles de animais desorientados", apuntan, e tachan de "irresponsabilidade" inferir deles unha "situación especial de cambios de comportamento derivados do confinamento".

Feixoo quere a volta das batidas de xabarín

A Xunta, pola súa banda, cre necesario autorizar a pesca fluvial e a caza, especialmente as batidas do xabarín, segundo  comunicou Alberto Núñez Feixoo durante a súa comparecencia do día de onte, na que indicou que a petición xa foi trasladada   ao Goberno estatal.