Os controis na pasada semana deron lugar a 987 propostas de sanción

Axentes nun control de mobilidade nos accesos a Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Representan 3% do total de 31.152 persoas e 18.560 vehículos controlados polos dispositivos de seguridade.

A pasada semana, con motivo das festas de Nadal e dos desprazamentos na Galiza despregáronse un total de 3.888 dispositivos de seguridade entre os da Garda Civil e a Policía Nacional española en colaboración coas policías locais e mais a nacional adscrita á Xunta da Galiza.

En total sumaron 987 propostas de sanción. A maiores, os dispositivos alcanzaron 31.152 persoas e 18.560 vehículos en total.

Na xornada do domingo identificáronse 581 persoas por parte da Policía Nacional, que controlou 581 persoas, e 1.996 pola da Garda Civil, que fixo o mesmo con 1.338.

No resto da semana, o Instituto Armado sumou 15.676 persoas identificadas e 12.100 vehículos controlados e a Policía Nacional 12.899 cidadás e 4.681 vehículos.

Nesas xornadas as propostas de sanción totais foron 606 no caso do primeiro corpo e 266 no do segundo.

O delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, agradeceu a "responsabilidade amosada polos galegos", resaltando que as propostas de sanción representan 3% do total de persoas controladas.

Así, Losada reiterou que nestas datas é necesario "actuar con cautela" e seguir as indicacións facilitadas polas autoridades para evitar a propagación da Covid-19.