"A contrapartida á barbarie de París non pode ser a guerra” 

Decenas de colectivos sociais, sindicatos e partidos políticos concentráronse en Vigo baixo o lema 'Galiza pola paz. Non á guerra imperialista”, en repulsa pola resposta contra os atentados de París.


Máis dun centenar de persoas berraron este sábado en Vigo contra “a guerra imperialista”. Decenas de colectivos sociais, sindicatos e partidos políticos convocaron unha concentración para denunciar a resposta militarista contra os atentados de París. 

“A contrapartida á barbarie de París non pode ser a guerra, e si o fin das ofensivas internacionais que deixan tras de si regueiros de medo, torturas e matanzas indiscriminadas de milleiros de persoas”, manifestou o escritor Xosé Álvarez Cáccamo, que deu lectura do manifesto conxunto.  

Recordaron que en Palestina, Afganistán, Iraq, Libia, Sudán, Iemen ou Siria, “as bombas e as armas da UE, da OTAN, de Israel e Estados Unidos masacran a diario milleiros de inocentes”.

A paz é un valor sempre ameazado polo odio e polos intereses imperialistas en todo o mundo. A primeiravítima das tensións bélicas mundiais son os dereitos e a democracia”, remarcou Álvarez Cáccamo.

O acto tivo lugar no Marco de Vigo, organizado pola Asemblea Popular de Vigo, RSP, CUT, Os Ninguéns, Asemblea Republicana, CGT, Sindicato Ferroviario, STEG, PAH Vigo-Baixomiño-Tui, Acouga, SLG, Queremos Pasar, SAGAP, Plataforma en defensa Ensenada de San Simón, Piratas, FOAMPAS, A. Pensionistas Retornados, Ponte Solidaria, AGABO, Plataforma Cidadá de Redondela, Sindicato da Elevación, Plataforma Hepatites C, Fronte Cívica e Foro Social de Cangas.