Continúan sen mudar os protocolos do Sergas sobre os abortos no segundo trimestre

Manifestación polo dereito ao aborto [Imaxe de arquivo / Gz Contrainfo]

Desde o COF da Coruña denuncian que "é falso que se cumpran os protocolos internacionais" na Galiza. 

Todo continúa igual a respeito dos abortos que se practican no segundo trimestre de embarazo e non só na Coruña senón "no Sergas". Así o asegurou en declaracións recollidas por Radio Coruña o director do Centro de Orientación Familiar (COF). Xosé Anxo Vidal sinala que "o protocolo do Sergas non coincide cos protocolos internacionais aínda que o diga o señor Núñez, Feijóo para os amigos", dixo con retranca. "É falso, é mentira que se cumpran os protocolos internacionais". 

Xosé Anxo Vidal, director do COF da Coruña: "É falso, é mentira que se cumpran os protocolos internacionais"

Así o constatan tamén desde a Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña da que fan parte tamén traballadoras do propio COF. Neste senso, Cristina Bajo, integrante do colectivo, sinalou en conversa con Sermos Galiza, que continúan a estudar as accións que adoptarán para que a Fiscalía non dea carpetazo á denuncia presentada desde o Defensor do Paciente após ser arquivada

Á saída da última xuntanza que mantivo a Plataforma Bajo asegurou que, en troca do que dixo no seu pronunciamento a Fiscalía, "a denuncia ten percorrido" e debe ser tomada en consideración. Así pois, embora apoirán aquelas mulleres que de maneira individual desexen denunciar o seu caso, "como colectivo" tamén insistirán polo que solicitarán manter unha xuntanza co Ministerio Público na que darán conta da situación que atinxe as mulleres que abortan no segundo trimentre de xestación no Materno da Coruña, mais tamén noutros hospitais do país como o Arquitecto Marcide de Ferrol ou aquelas outras que son derivadas a clínicas madrileñas coas que o Sergas ten asinado un convenio.

A Plataforma polo dereito ao aborto solicitará unha xuntanza coa Fiscalía 

A este respeito Cristina Bajo sinala que "é máis barato" contratar profesionais que atendan as mulleres na rede pública que deslocalas a Madrid. Asemade, advirten desde a Plataforma, só se están a cubrir os gastos de combustíbel como denunciou na reportaxe publicada no semanario en papel unha das mulleres atendidas nestas clínicas privadas, a mariñá Aurora González. 

Destarte, o colectivo feminista mais tamén voces como o director da área de Xinecoloxía e Ostetricia do Hospital de Ourense (CHUOU), José Luís Doval, reclaman a abertura de dúas unidades de referencia no país para garantir que se desenvolvan os abortos coas debidas garantías tamén a partir do segundo trimestre de xestación.