Continúan a baixar os casos activos e a presión hospitalaria

Toma de sangue nunha farmacia de Barbadás para realizar un test de cribado do coronavirus (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O Sergas detectou 75 novos contaxios no último día, 43 de todos eles na área sanitaria da Coruña-Cee.

Os casos activos de Covid-19 en Galiza superaron á baixa a barreira dos 1.300, ao situarse concretamente en 1.270, nunha xornada en que se detectaron 75 novos contaxios, arredor dunha quincena menos que o día anterior. Aínda que tímido, tamén houbo descenso da presión hospitalaria, cun total de 60 persoas con coronavirus ingresadas ─unha menos que 24 horas atrás─.

En concreto, segundo os datos publicados na mañá deste domingo, 20 de xuño, pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18.00 horas do sábado, os hospitais galegos contabilizan 45 enfermos de Covid en planta ─os mesmos que hai un día─, mentres que os outros 15 ─un menos─ están en unidades de coidados intensivos.

Por áreas sanitarias, tan só variou a cifra global de ingresados en Lugo-A Mariña-Monforte, en Pontevedra-O Salnés e en Santiago-Barbanza. A luguesa foi a única na que repuntou a presión hospitalaria, cunha persoa máis en unidades convencionais, até os catro, mentres que na UCI se mantén un paciente.

Pola contra, na área pontevedresa baixou en un a cifra de ingresados, ao contabilizar sete hospitalizados en planta e un en críticos; igual que na compostelá, onde os pacientes en unidades convencionais baixaron a tres (-1) e na UCI mantense unha persoa con Covid.

Casos activos, contaxios e mortes

En canto aos casos activos de Covid-19, os datos deste domingo consolidan xa tres días consecutivos á baixa e sitúanse nos 1.270 tras caer en 32 nun día. Desta maneira, mantéñense en niveis da primeira metade de agosto de 2020.

Ademais, os novos contaxios detectados caeron até os 75 en 24 horas a nivel nacional ─19 menos─, polo que se manteñen por baixo do centenar. Máis da metade (43) sitúanse na área da Coruña-Cee, mentres que o resto apenas notificou contaxios: Pontevedra nove, Lugo sete, Ourense seis, Vigo outros seis, Santiago tres e Ferrol só un.

A taxa de positividade continúa en niveis mínimos ao situarse en 1,5%, por baixo de 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

A Consellaría de Sanidade non notificou ningún falecido.