Galiza, a medio camiño da súa inoculación

Nieves Cabo, compostelá de 82 anos, foi a primeira en recibir a pauta completa da vacina contra a Covid-19, o pasado 17 de xaneiro (Foto: Xunta / Europa Press)

Case dous terzos da cidadanía do país susceptíbel de ser vacinada ten unha dose da vacina contra a Covid, e son case un millón de persoas ─41,24%─ as que xa recibiron a pauta completa.

Un total de 1.489.408 galegas e galegos recibiron xa unha dose da vacina contra a Covid-19, o que supón 63,04% da poboación susceptíbel de ser inoculada.

En canto á cidadanía do país que ten xa a pauta completa da vacinación, son case un millón (974.487) as persoas totalmente inoculadas, un 41,24%.

Así se reflicte nos últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, que indican que se administraron un total 2.385.702 doses. Actualmente a campaña de vacinación está centrada no grupo de 45 a 49 anos.

Por grupos de idade, até o momento 130.973 persoas maiores de 85 anos recibiron polo menos unha dose; 95.878 de 80 a 84 anos; 133.871 de 75 a 79 anos; 152.193 de 70 a 74 anos; 153.533 de 65 a 69 anos; 172.907 de 60 a 64 anos; 180.573 de 55 a 59 anos; e 188.165 de 50 a 54 anos.

Polo tanto, son 1.208.063 as persoas maiores de 50 anos que recibiron polo menos unha inxección, isto é, 94,61% do total de galegas e galegos a partir desa idade.

Menores de 50 anos

A elas súmanse 183.272 persoas de 45 a 49 anos e 36.256 de 40 a 44 anos. É dicir, 219.528 persoas de entre 40 a 49 anos, que representan 49,55% do total desta faixa de idade.

Ademais, foron vacinadas 21.765 persoas de 35 a 39 anos; 17.539 de 30 a 34 anos; 14.103 de 25 a 29 anos; 7.594 de 20 a 24 anos; 804 de 15 a 19 anos; e 12 de 10 a 14 anos.