Continúa a suba: a Galiza roza os mil casos activos de Covid-19

Unha sanitaria revisa os resultados de probas PCR. (Foto: Europa Press)

Os novos contaxios de Covid-19 repuntan a 123 na Galiza, polo que encadean tres xornadas consecutivas por encima do centenar, e os casos activos rozan o milleiro ao ascender a 993, que supoñen 353 máis que hai unha semana. Mentres, os pacientes ingresados por este coronavirus aumentan a 48 -dous máis- e a taxa de positividade sobe a un 3,6% no conxunto da Galiza.

Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, mantéñense 11 persoas ingresadas en UCI pola Covid no conxunto da Galiza, mentres que aumentan a 37 as hospitalizadas noutras unidades -dúas máis- e 945 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente en dúas: na da Coruña e Cee, que segue con tres pacientes Covid en UCI e rexistra 11 noutras unidades -un máis-, e na de Ourense, que mantén dúas persoas en críticos e conta con 14 en planta -unha máis-. As outras cinco áreas sanitarias continúan sen cambios.

A área de Pontevedra e O Salnés é a única de toda a Galiza sen pacientes Covid ingresados, mentres que na de Lugo segue un en UCI e dúas persoas noutras unidades.

As áreas de Vigo e Santiago e Barbanza manteñen en cada caso un paciente Covid en UCI e tres noutras unidades; mentres que a de Ferrol rexistra tres en críticos e catro en planta.

Case un milleiro de casos

Os casos activos de Covid-19 aumentan por duodécima xornada consecutiva e ascenden a 993, que supoñen 86 máis que a xornada anterior ao haber de novo máis contaxios (123) que altas (37). Con respecto a hai unha semana constitúen 353 infeccións máis que as 640 rexistradas a sexta 5 de novembro.

En concreto, as infeccións activas ascenden nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Ourense á cabeza (+30), seguida da de Vigo (+20), Lugo (+13), A Coruña e Cee (+10), Santiago e Barbanza (+7), Ferrol (+4) e Pontevedra e O Salnés (+2).

Por tanto, a área de Ourense sitúase á cabeza con 259 casos activos; seguida da da Coruña e Cee, con 258; Vigo, con 146; Lugo, con 85; Santiago e Barbanza, con 85; Ferrol, con 82; e á cola colócase a de Pontevedra e O Salnés, con 78.

Segundo os datos actualizados na tarde da quinta feira polo Ministerio de Sanidade, a Galiza conta cunha taxa a 14 días de 34,05 casos por 100.000 habitantes -a xornada anterior estaba en 31,57-, mentres que a media do Estado ascende a 67,07.

Repuntan os contaxios

Por terceira xornada consecutiva, a Galiza rexistra máis dun centenar de novos contaxios diarios, que esta sexta feira ascenden a 123, que implican 19 máis que os 104 da quinta, tras os 100 da cuarta, e 74 da terza, despois de comezar esta semana con 54.

A sexta feira anterior rexistráronse 84 no conxunto da Galiza. E até o momento, o 11 de outubro houbo 14, a cifra máis baixa desde que a Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

Eses 123 contaxios foron positivos por probas diagnóstica de infección activa nas últimas 24 horas, dos cales 38 corresponden á área de Ourense; 26, á de Vigo; 20, á da Coruña e Cee; 14, á de Lugo; 13, á de Santiago e Barbanza; sete, á de Pontevedra e O Salnés; e cinco, á de Ferrol.

Desde o comezo desta crise sanitaria, segundo os datos actualizados por Sanidade, realizáronse 2.924.506 PCR na Galiza, que supoñen 2.596 probas máis que as rexistradas até o día anterior e unhas 286 menos que as feitas a xornada pasada.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, repunta a un 3,61%.

As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza mantéñense en 2.655.