Continúa a procura do home que caeu ao mar no Portiño (A Coruña)

Efectivos de Ferrol sumáronse ao operativo de busca. (Foto: Europa Press)
As dúas persoas que navegaban co desaparecido na embarcación de recreo vírono por última vez "sentado na popa".

Salvamento Marítimo renovou esta sexta feira o operativo de busca do home de 65 anos desaparecido a pasada terza feira tras caer ao mar desde unha embarcación na zona do Portiño (A Coruña).

En concreto, segundo informou Salvamento Marítimo, ás 9 horas reactivouse o dispositivo coa Salvamar Batelgueuse e esta tarde está prevista a saída do helicóptero Helimer 402. Os labores tiveron que interromperse esta pasada quinta feira polo mal estado do mar, derivado da borrasca Karlotta.

Ademais, esta sexta feira sumáronse aos labores por terra Bombeiros de Ferrol, Protección Civil e Policía Local, dado que as correntes existentes na zona indican que o corpo podería desprazarse cara ás praias desta cidade.

En concreto, os bombeiros están a explorar as zonas de Penencia, Lobadiz e Cabo Prior con drons, así como unha embarcación por mar desde Penencia a Lobadiz. Varios efectivos de Protección Civil traballan na zona de Prioriño Chico, xunto con axentes da Policía Local.

As dúas persoas que navegaban co desaparecido na embarcación de recreo foron as que deron a voz de alarma contra as 18.30 horas, cando se atopaban á altura da enseada do Orzán, regresando desde a zona do Porto Exterior de Punta Langosteira cara ao Portiño. Os alertantes explicaron que a última vez que viron o seu acompañante estaba sentado na popa.