Os contaxios novos limítanse a 201 e só crecen en tres áreas sanitarias

Un profesional sanitario prepara unha ambulancia no HULA. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os falecementos abeiran os 700 desde o comezo da pandemia no país e un 44% deles están vinculados aos centros residenciais. De feito, no último parte da Consellaría de Sanidade aparece outra vítima usuaria da DomusVi de Outeiro de Rei.

Os resultados das probas PCR seguen arroxando unha realidade de novos contaxios na Galiza. Os casos activos subiron en 21 nas últimas 24 horas e o virus chegou a outras 201 persoas. O ritmo baixou un pouco se ben a cifra é inestábel desde hai días e, en todo caso, segue a ser moi elevada.

Este último balance da Dirección Xeral de Saúde Pública é froito da baixada do número de contaxios novos e de casos positivos nalgunhas áreas sanitarias. En concreto, houbo máis altas que baixas de doentes en catro zonas e o número total de afectadas é de 4.322.

O cómputo global segue a baixar lentamente na Coruña e Cee, onde entre a noite desta segunda feira e onte as responsábeis da Consellaría de Sanidade tiveron noticia de 9 pacientes menos. Agora son 1.237.

En Ourense (500) caeron en 3 as enfermas, mentres que na zona de Compostela houbo unha reducción de 14 pacientes, quedando nas 659. En Ferrol a cifra só se rebaixou en un positivo e manténse por enriba dos 180.

A situación volveu dar a volta en Lugo con 9 contaxios máis, dos que polo menos 6 están relacionados co feche do restaurante A Cofradía de Rinlo polo contaxio dalgunhas empregadas e empregados. Agora hai 781 casos activos. En Pontevedra é onde máis crece a presenza do virus, con outros 25 casos máis até sumar 577.

Onte o responsábel da área sanitaria recoñecía certa preocupación e revelaba que máis da metade das contaxiadas proceden dos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa. Curiosamente, desde hai días nestes municipios existen limitacións extra impostas pola Xunta.

En Vigo o ascenso foi de 14 doentes até os 387 actuais. De todos os positivos, 29 permanecen nas UCI e 211 en unidades de hospitalización. No entanto, a inmensa maioría reciben seguemento telefónico domiciliario.

Desde o principio da pandemia, e sempre segundo informes de Sanidade, xa se curaron 15.829 galegas e galegos, se ben tamén faleceron 696, dúas máis das que incluía o parte anterior. Un 44% dos pasamentos tiveron relación cos xeriátricos.

Onte unha das vítimas foi un home de 86 anos que finou no Hospital Lucus Augusti (HULA) pero que fora trasladado desde a residencia DomusVi de Outeiro de Rei. Tamén morreu unha muller de 91 anos, con patoloxías previas, no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.