Os contaxios diarios por Covid están por baixo do medio cento e a taxa de positividade ao redor de 1%

A incidencia acumulada fica na Galiza ao redor de 1% (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

A Galiza mantén a tendencia descendente de casos activos de Covid-19, que se sitúan en 1.310, o que supón 253 menos que os rexistrados na xornada anterior, ao haber máis altas (163), que novos contaxios (58), aos que se suma unha nova vítima mortal.

Os casos activos de Covid-19 na Galiza manteñen a tendencia descendente e caen a 1.310, a pesar de que as e os pacientes hospitalizados só descenden lixeiramente -hai 58 ingresados, un menos que onte-. Mentres, os contaxios detectados a diario mantéñense por baixo do medio cento.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade este domingo 26 de setembro, con rexistros até as 18 horas do sábado, hai 17 persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos -unha menos que na xornada anterior-, mentres que outras 41 están en planta -unha máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en dúas (Santiago e Lugo), mantense sen cambios noutras dúas (Ferrol e Pontevedra), mais aumenta lixeiramente nas restantes (Ourense, A Coruña e Vigo).

En canto ás que soben, a área sanitaria da Coruña contabiliza 19 ingresos con Covid-19 (+2), dos que cinco (sen cambios) están críticos. Na área de Vigo, hai catro hospitalizados (+1), dous deles en críticos; mentres que a de Ourense conta con oito pacientes (+1), catro ingresados en UCI.

Por outra banda, en canto ás zonas que se estabilizan, Pontevedra continúa con sete hospitalizados, dos que dous están en UCI; e Ferrol mantense sen pacientes ingresados por  Covid-19.

A áreas de Santiago ten 11 pacientes hospitalizados, dous deles en críticos (-1), e a de Lugo, con nove persoas ingresadas por Covid (-4), dúas delas en críticos.

Casos activos en descenso

A Galiza mantén a tendencia descendente de casos activos de Covid-19, que se sitúan en 1.310, o que supón 253 menos que os rexistrados na xornada anterior, ao haber de novo máis altas (163), que contaxios (58), aos que se suma unha nova vítima mortal.

Así, a Galiza xa conta con menos de 1.500 infeccións activas, a niveis de hai tres meses. A última xornada cunha cifra tan baixa foi a de 25 de xuño.

Por áreas sanitarias, as e os pacientes Covid seguen en descenso en todas elas. A Coruña-Cee rexistra, de acordo cos últimos datos, 312 casos activos (-28). Séguena a de Vigo, con 261 (-26), e a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 241 (-27).

Mentres, Santiago-Barbanza conta con 175 infeccións activas (-33), Ourense-Verín-O Barco ten 198 (-3), Pontevedra-O Salnés, 92 (-10) e Ferrol fecha a táboa con 31 (-7).

Menos de 100 contaxios diarios

No inicio da fin de semana, os contaxios de Covid-19 detectados en un día por todo tipo de probas mantéñense por baixo do medio cento con 31 casos, 27 menos que os 58 rexistrados na xornada anterior.

De todos estes novos casos notificados, sete corresponden coa área de Ourense-Verín-O Barco, dous coa Coruña-Cee e tres coa de Lugo-A Mariña-Monforte. Ségueas Santiago-Barbanza con catro e Vigo con oito, mentres que Pontevedra-O Salnés suma seis novos contaxios e Ferrol un máis.

Por iso, as persoas contaxiadas de coronavirus na Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 182.108, das cales 43.023 corresponden á área da Coruña; 37.570, á de Vigo; 26.931, á de Santiago; 21.680, á de Ourense; 21.402, á de Pontevedra; 19.883 á de Lugo; e 11.619, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 tests- baixou a 1,1% despois de 2,3% anotado na xornada anterior. Ademais, mantense por baixo de 5% que a Organización Mundial da Sáude (OMS) determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 2.629 na Galiza tras Sanidade notificar no sábado unha nova vítma mortal, unha muller de 88 anos que faleceu hai máis dun mes no seu domicilio situado na área sanitaria da Coruña-Cee.

En toda a Galiza curáronse 178.203 persoas deste coronavirus desde o inicio da pandemia, 163 máis que as contabilizadas até a xornada pasada.