20 anos despois, estas son para os colectivos ecoloxistas as "contas pendentes" do 'Prestige'

Persoas voluntarias recollendo chapapote dunha praia após a catástrofe do 'Prestige'. (Foto: Europa Press)
O tratamento dos miles de toneladas de refugallos vertidos ao mar e as praias, un dos asuntos chave.

Ás portas de facérense 20 anos do afundimento do Prestige (13 de novembro de 2002) entidades ecoloxistas alertan de que, dúas décadas despois, a catástrofe podería volver ocorrer porque non se aprendeu "nada".

A asociación ecoloxista Adega critica as "contas pendentes" que deixou o desastre do Prestige hai 20 anos. Aínda que "os impactos da vertedura sobre os ecosistemas naturais fóronse diluíndo co tempo", apuntan desde a asociación, o balance realizado sobre a mortalidade efectiva-estimada das especies atinxiu a máis de 300.000 animais, principalmente aves.

"As poboacións dalgunhas aves peláxicas, como o arao dos cons, non se recuperaron despois do Prestige, considerándose actualmente extintas", sinalan desde Adega.

A asociación tamén denuncia o tratamento dos refugallos. "Desde Adega seguímoslle a pista ao proceso de tratamento das 90.000 toneladas de refugallos do Prestige recollidas na costa. Do total, 60.000 foron almacenadas en Sogarisa [un parque empresarial das Somozas], 20.000 en Cerdeda e outras 10.000 en diferentes puntos".

Ecoloxistas en Acción, que lembran o día en Vigo coa presentación do documental Alegría, insistiu esta sexta feira na necesidade de mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como de aumentar a cantidade e a calidade das inspeccións.

A plataforma Nunca Máis estrea este domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra o documental 20 anos de dignidade, dirixido por Jose Aragunde, que relata o ocorrido no afundimento do Prestige e a protesta social.

Pola súa parte, Greenpeace recorda que miles de buques con millóns de toneladas de mercadorías perigosas, como o petróleo, seguen pasando fronte ás costas da Galiza.