''Contar a vida na aldea dos Vilares é un deber co noso pasado e futuro''

[Imaxe cedida pola entrevistada]

Conversamos con Pastora Veres, impulsora do proxecto literario e audiovisual Os Vilares, lareira de soños, inspirado no lugar onde naceu e morou Xosé María Díaz Castro, o poeta chairego ao que vai dedicado o Día das Letras deste 2014.


A idea orixinal xurdiu dunha encomenda do mesmísimo Manuel María. A comezos dos anos 90, o poeta nacional asistiu á Romaría Labrega da Chaira para inaugurar unha exposición de fotos antigas que repasaban a vida no lugar.

Foi aí cando alentou a escrita e rodaxe de Os Vilares, lareira dos soños, un proxecto literario e audiovisual que pula por difundir a memoria da aldea chairega que viu nacer Xosé María Díaz Castro, autor ao que vai dedicado o Día das Letras de 2014.

De lle pór imaxe e son á vida no lugar encarrégase Cibrán Tenreiro no documentario onde o pasado interactúa co presente a través das xentes e das súas historias. E de lle pór letra a este mesmo proxecto, nun libro que se distribuirá conxuntamente co DVD, encarrégase ela: Pastora Veres.
 

O encargo deste libro e documental veulle do propio Manuel María.

Si. Alá polo ano 1993 Manuel María veu inaugurar unha exposición de fotos antigas da parroquia como unha das actividades da Romería Labrega da Chaira. Vendo as fotos, comentoume o interesante que sería escribir e traer aos nosos días aquilo que os demáis viviron noutros tempos, tan difíciles e diferentes. Agora, recollendo ese encargo pendente e polo pulo que me da terme criado cunha grande contadora de historias, que me deixou os seus ollos e o peito para apreciar o de antonte, promovemos este ensaio literario e audiovisual.

"Calquera aldea da Chaira pode verse reflexada nos poemas de Díaz Castro"

Sostén que cando le a obra de Díaz Castro respira o ar dos Vilares. Por que?

Diaz Castro naceu nos Vilares, en concreto no Vilariño dos Cregos, e os seus poemas reflicten claramente as súas experiencias da contorna na súa infancia e mocidade. Eu, desde que coñecín a súa obra, identifiqueime cos seus poemas e vía en cada un deles Os Vilares, aínda que calquera aldea da Chaira se pode ver reflexada neles. 

Falou antes de traer ao presente "o que os demáis viviron noutros tempos". Como afectou o despoboamento a esta aldea chairega?

Coido que soubo adaptarse ben aos tempos porque segue a haber moito dinamismo. Hai participación social en asociacións veciñais, de mulleres,  cooperativas agrarias, montes comunais... Os Vilares é unha herba pequerrechiña da Chaira que foi quen facer á cultura da Terra Chá achegas coma a xa emblemática Romería Labrega que vai para vintecinco anos.

"As Reixas chegou en tempos a ter nove tabernas, varios bailes e mesmo un cine, algo raro para unha parroquia rural naqueles tempos"

Polo que puiden ver en fotografías, había unha casa para taberna e baile, cobertizos onde se celebraba unha feira do gando.... que foi de todo iso? 

As Reixas chegou en tempos a ter nove tabernas, varios bailes e mesmo un cine, algo raro para unha parroquia rural naqueles tempos, o que da a idea do dinamismo dos Vilares malia que daquela era o divertimento que había e o traballo era moi duro. De todo iso falarán os veciños na publicación e no documental.

Que aprendeu falando coa veciñanza?

Cada veciño daría para escribir un libro. Agradecerei sempre a oportunidade de aprender de tanta xente cousas do pasado da miña estirpe, dos nosos antergos próximos, das costumes e vidas que nos trouxeron aquí co seu traballo e coa súa aportación... uns escribindo, outros labrando a terra, outros saíndo polo mundo buscar o pan para os seus...

"Cada veciño daría para escribir un libro. Todos fixeron dos Vilares esa lareira de sentimentos e soños que aínda hoxe perduran e do que nos sentimos orgullosos"

Todos fixeron dos Vilares esa lareira de sentimentos e soños que aínda hoxe perduran e do que nos sentimos orgullosos. Díaz Castro é hoxe o noso vilarego máis ilustre e poñerá Os Vilares no mundo coa dedicatoria das Letras Galegas.

Ese feito motiva que aproveitemos para dar a coñecer as raices e a memoria viva deste pequeno pero grande lugar que o viu nacer. Por sorte hai tempo que coñecín a súa obra e mesmo a el, xa maior, e sorprendeume a modestia e a súa humildade. Foi un erudito, un home que sabía múltiples idiomas e a súa obra poética, curta pero intensa, é única.

Por que tardou tanto tempo en poñer en quitar á luz esta encomenda de Manuel María? Foi moi complicado compilar os testemuños con que nos vai agasallar no libro e no documental? Traduciu incluso documentos antigos, non si?

Sempre se ten na cabeza cousas pero a vida vai ocupando o tempo e non se da tomado a decisión. O feito de ser un ano tan significativo, que o propio Manuel María fora tan amigo de Díaz Castro, supuxo case o impulso definitivo a esta encomenda que está resultando traballosa pero moi satisfactoria. Todas as portas ás cales chamamos atopámolas abertas de par en par. Os ánimos, colaboracións e implicación fan do proxecto un deber co noso pasado, presente e futuro.