Contar o que vemos como o vemos nós

Alumnado do IES do Milladoiro traballando cos xornais durante a clase de Lingua e Literatura galegas. (Foto: Xano Cebreiro)
No traballo por secuencias que aplicamos en 1º ESO a prensa protagoniza todo un proxecto. O obxectivo é a creación de noticias sobre o contorno para realizar colectivamente un noticiario radiofónico.

O amplo abano de xéneros xornalísticos e o seu valor para estear a aprendizaxe nuns tempos de saturación e terxiversación no que as redes están a substituír os medios tradicionais, outórganlle a este recurso xa clásico aínda maior relevancia no ensino. E a súa presenza no currículo xa desde a primaria non se limita aos aspectos formais, senón que nos impele a formar persoas competentes na lectura e na composición de textos.

A proposta que desenvolvemos no Milladoiro leva por título Outras novas e segue o proceso que deseñan os obradoiros posibilitadores dunha produción final. Neste caso trátase de saber recoller e contar feitos con relevancia no noso día a día, colectivos ou emocionais, non necesariamente locais. A maiores, trasládase a expresión máis complexa da escrita a un guión radiofónico que a aproxime á fala. Malia esas implicacións, actívanse as habilidades para evitar calquera fórmula valorativa.

Nese labor, empregamos fundamentalmente fontes dixitais, tanto escritas -mediante capturas- como radiofónicas e televisivas. Mais, a achega final do Nós en papel serviu para profundar na estrutura do xornal, nos elementos paratextuais e, sobre todo, na diversidade de xéneros e temas, presentes desde unha perspectiva de noso. O interese que espertou o diario físico, xa desde os aspectos estéticos e da distribución dos contidos, percibiuse claramente e quedou plasmada nos comentarios do alumnado.

Abordamos de xeito transversal o mito da obxectividade plena dos xéneros informativos. Incidimos en primeiro lugar na propia escolla do que merece ser contado, mais tamén na relevancia outorgada ás novas publicadas e, por suposto, nas intencións comunicativas e as fórmulas básicas da modalización inseridas nun aparente ton obxectivo. 

Realizamos tamén un mínimo contraste entre medios no referente á escolla dos feitos noticiábeis e á perspectiva, visíbel xa nos propios titulares. Foi rechamante a ausencia de determinadas novas de entidade na CRTVG, nomeadamente a contaminación da auga da Limia por macrogranxas impulsadas polas institucións. Todas as demais cabeceiras empregadas si atenderon esa situación que se fixo pública en 2020.

Nesa liña, o alumnado tamén advertiu un veto inexplicábel a este xornal, ao único en papel en galego, nun coñecido programa da televisión pública na sobremesa, no que se comentan temas de actualidade co apoio de novas da prensa. Todos os recortes que se amosan, agás os dos informativos da propia TVG e mais dalgún caso illado comarcal, son de publicacións en español. Nós Diario non existe. A lingua propia é unha excepción. Así, a procura de explicación a feitos coma este, á marxe dos temas tratados, e a debulla das consecuencias sociolingüísticas fanse especialmente rendíbeis. A denuncia pública e a apertura dunha campaña convértense en novos obxectivos de produción.

Opera unha vontade ideoloxizadora na maioría da prensa; mais cómpre ter as ferramentas necesarias para ler tras liñas tan grosas

O marco é doado de apreciar. Estamos ante uns medios supostamente galegos que dedican un obituario de fin de ano a “celebridades” como Ruíz Zafón ou Armando Manzanero e que obvian nese informativo a Luz Pozo ou a Lino Braxe, este mesmo ligado estreitamente como actor ao ente público. Situámonos fronte a decisión de xestores dos cartos de todas e todos de reprimir a creatividade coa ameza de feche do espazo de regueifas en Luar. Ou estamos diante da ausencia flagrante de determinadas cantantes e grupos na cadea autonómica. Son só algunhas formas (iso si, das máis vergoñentas) de guiar a substitución lingüística.

De por parte e de xeito case espontáneo, co uso didáctico dunha publicación periódica en galego non submisa na aula actívanse dúas estratexias de normalización elementais. Unha delas é a aproximación ao amplo abano de creacións culturais en lingua galega, a referentes con valor para a identificación, a sedución e a modelación. Un xornal de país é unha auténtica solaina aberta -entre outras- á música, ao cinema, á literatura, ás artes, para superar os prexuízos e poder gozar da nosa cultura. As xaneliñas da contraportada do Nós, a modo de pílulas ilustradas, amósanse especialmente atraentes.

A outra estratexia que vén dada é o seguimento analítico da actualidade da lingua, desde as iniciativas que liberan o orgullo até os reiterados pasos atrás nesa promoción do idioma que deberan realizar as institucións. Así mesmo, dentro do nivel de desenvolvemento cognitivo do alumnado, acabamos por explorar vías de confrontación racional dos discursos supremacistas e lingüicidas actualmente reactivados.

En todo caso, a atención á realidade do contorno social e a presentación dos feitos mantendo un ton obxectivo son máximas que a práctica totalidade do alumnado de doce ou trece anos demostra que é quen de cumprir. Ou sexa, sitúase no exercicio dun xornalismo honesto do que tamén puido ver modelos na lingua do país. Non se precisan máis evidencias para concluírmos que opera unha vontade ideoloxizadora na maioría da prensa. Mais cómpre ter as ferramentas necesarias para ler tras liñas tan grosas.