Conta atrás para a universidade privada de Abanca

Estudantes da USC camiñan tras o busto de Fermín Penzol Lavandeira no Campus Sur (Foto: Arxina).
Coa aprobación do informe favorábel emitido polo Ministerio de Universidades para a creación da primeira institución privada da Galiza, o proxecto académico promovido por Abanca está máis perto de se consolidar. A iniciativa impulsada polo banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet conta co apoio do Goberno galego, á espera da súa tramitación parlamentaria e do cumprimento dos requisitos que ultima o departamento de Manuel Castells para a creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios. 

A aprobación da universidade privada de Abanca semella máis perto. De se consumar a súa creación, trataríase do primeiro proxecto académico de educación superior impulsado por unha entidade financeira na Galiza. A iniciativa liderada por Juan Carlos Escotet conta co apoio do Goberno da Xunta e da maioría parlamentaria do Partido Popular. 

A proposta de Afundación, Obra Social Abanca, definida no anteproxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa, recibiu hai xusto un ano, en decembro de 2019, o visto e prace do Consello Galego de Universidades malia o voto en contra das tres universidades públicas galegas fronte a conformidade dos representantes da Xunta, dos seus organismos dependentes mais do PP.

A semana pasada, a Conferencia Xeral de Política Universitaria, participada por representantes de todos os territorios do Estado, aprobou o informe favorábel á creación da institución educativa de Abanca emitido polo Ministerio de Universidades.

Un proxecto apto

Malia verificar a idoneidade do proxecto académico proposto pola entidade financeira, o departamento estatal que dirixe Manuel Castells asegurou non ter competencia para decidir sobre a creación dunha universidade en ningún territorio, unha resolución que lle corresponde a cada comunidade autónoma, mais recoñece "a obriga legal" de analizar cada proxecto aspirante para confirmar que as súas propostas cumpren as condicións estabelecidas pola lei.

O Ministerio de Universidades advertiu, ademais, da publicación inminente da modificación do Decreto de creación, recoñecemento, autorización e acreditación de universidades e centros universitarios que estabelece "criterios máis estritos de calidade para poder aprobar" unha nova institución destas características.

O novo texto substituirá o ratificado en 2015 por José Ignacio Wert e suporá un endurecemento dos requisitos mínimos para autorizar e conservar a condición de universidade. De feito, segundo recolle o borrador da norma o Ministerio de Universidades estuda incrementar os requisitos mínimos en materia de oferta académica, investigación e transferencia do coñecemento ou persoal docente e investigador. 

Abanca non cumpre

Estas novas exixencias obrigarían a Universidade Intercontinental da Empresa a ofrecer, por exemplo, "dez títulos oficiais de grado, seis títulos oficiais de máster e tres programas oficias de doutoramento" relacionados, "como mínimo con tres das cinco grandes ramas do coñecemento", a "dedicar polo menos un 5% do seu orzamento a un programa ou programas propios para o incentivo da investigación" e a contar cun mínimo de 50%, cando non de 100%, de "doutores e doutoras para o conxunto das ensinanzas" programadas, procedentes de "ámbitos do coñecemento coherentes coa programación da universidade".

Son algúns dos requisitos actualizados que, a falta de máis detalles, Abanca non cumpre, cunha oferta inicial de dez titulacións entre graos, máster e doutoramentos ligados ás ciencias sociais e xurídicas mais á enxeñaría e arquitectura. 

Capacidade pública

Desde a Universidade de Santiago de Compostela, o reitor Antonio López asegura en declaracións a Nós Diario que a posición favorábel do Goberno estatal cara o proxecto académico de Abanca "non é contraditoria co que viñamos defendendo as universidades públicas galegas, e particularmente a nosa" . 

Neste sentido, di, "nunca cuestionamos a iniciativa privada en materia de universidades, o que mantemos é que, desde o punto de vista dun Sistema Universitario Galego público, estamos en  condicións de cubrir as demandas tanto do alumnado como en materia de emprego nos distintos sectores, e así o vimos facendo". 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]