Conta atrás para a prohibición do tabaco aromatizado que se fuma con 'vapper'

O tabaco aromatizado que se fuma con 'vapper' non se poderá adquirir a partir do 23 de outubro de 2023 (Foto: Nós Diario).
A UE quere crear unha "xeración sen tabaco", na que menos de 5% da poboación consuma tabaco, no horizonte de 2040.

A norma da Unión Europea (UE) que prohibirá a venda de produtos de tabaco quentado (aquel que se consume con ‘vapper’) aromatizado​, entra en vigor esta cuarta feira, 23 de novembro.

Porén, os Gobernos dos Estados da UE teñen até outubro do próximo ano para aplicar as novas regras na súa lexislación estatal co fin de dar marxe a que se esgoten as existencias xa colocadas no mercado comunitario.

"Grazas á prohibición, os nosos cidadáns, e en particular os mozos, estarán mellor protexidos dos efectos nocivos destes produtos”, declarou a comisaria de Saúde, Stella Kyriakides.

“Isto achéganos un paso máis a unha 'xeración libre de tabaco", explicou a representante da Comisión Europea nun comunicado para reaccionar á entrada en vigor da norma. Kyriakides destacou que a revisión das normas comúns "responde o aumento significativo das vendas destes produtos do tabaco en toda a UE".

Na súa opinión, contribuirá a alcanzar o obxectivo do plan europeo de loita contra o cancro de crear unha "xeración sen tabaco", na que menos de 5% da poboación consuma tabaco no horizonte de 2040.

"O tabaco causa 90% dos cancros de pulmón. É fundamental tomar unha posición firme para reducir o consumo de tabaco, especialmente porque estamos a presenciar unha introdución continua de novos produtos no mercado", remachou.

23 de outubro de 2023: data límite

A partir da aprobación, os Estados membro dispoñen agora de oito meses para traspoñer a directiva á súa lexislación estatal. As novas normas serán plenamente aplicábeis a partir de 23 de outubro de 2023, tras o final dun período de transición de tres meses para esgotar as existencias actuais.