Conta atrás para apañar as herbas máxicas de San Xoán

Sabugueiro, 'Sambucus nigra'; fenta, 'Athyrium filix-femina', e Lingua de ovella, 'Plantago lanceolata'. (Ilustracións: Paula Lago).
Antes da caída do sol deste 23 de xuño, véspera de San Xoán, a tradición chama a percorrer o monte e as beiras dos camiños para facerse cun atado de herbas máxicas, fragrantes e medicinais, que deixaremos toda a noite en auga, ao resío, e lavar a cara ao día seguinte.

A preparación do cacho é só un dos rituais purificadores da noite de San Xoán, unha festa de orixe pagá que conmemora o solsticio de verán e que convida a desfacerse do vello, escorrentar os malos espíritos e encarreirar o cambio de estación con ánimo renovado.

A auga e o lume son elementos imprescindíbeis nesta xornada de tránsito e celebración que atravesa a Galiza de cabo a cabo. É tal a atracción da noite máis curta do ano que poucos resisten os mandados da tradición.

Un dos primeiros pasa pola recollida das herbas de San Xoán, unha selección que pide un mínimo de sete talos, follas e flores, e que varía segundo a zona na que se faga a recolección. Fento, fiúncho, estalotes, ourego, malva, lavanda, romeu, nogueira, cerquiño, macela... Non todas abundan por igual, o que fai de cada presa de plantas máxicas unha escolla singular. Iso si, o rito non muda: haberá que deixalas a remollo toda a noite, en auga de sete ou nove fontes que a maioría das casas substitúen por auga da billa. Após serenar de madrugada ao resío, servirá para lavar a cara ao amencer do día 24 e depurar todos os males.

'Herbas da noite'

"O máis bonito é ilas buscar as herbas", afirma Paula Lago en conversa con Nós Diario. A arquitecta e artista viguesa vén de autoeditar Herbas da noite, unha guía ilustrada que recolle os usos populares e propiedades das herbas que se apañan na véspera de San Xoán canda a súa nai, Dores Pereira
O libro nace do interese artístico da filla e dun manuscrito elaborado pola nai durante anos no que depositou toda a información relacionada coas plantas aromáticas e medicinais que as mulleres da parroquia de Atios (O Porriño) veñen apañando cada 23 de xuño. 

"Recolleu por escrito todo o coñecemento que esas mulleres foron transmitindo de forma oral na súa contorna familiar e veciña. O nome das herbas, as súas propiedades, cantigas e receitas asociadas". Ese manual asinado por Dores Pereira derivou nunha guía expresionista das herbas de San Xoán ilustrada por Paula Lago coa técnica do dripping. "Lembreime dos herbarios que faciamos de cativas, inspireime noutros publicados, como o que realizou Emily Dickinson en 1845, e apostei por destacar máis a expresión morfolóxica da planta que ofrecer unha visión realista".

Á herba de San Xoán nós chamámoslle herba do noso Señor (Tanacetum parthenium) e non coincide coa que din de San Xoán noutras zonas

A guía inclúe 27 herbas de San Xoán e convida a unha recolección respectuosa co medio natural. "Coñecer as plantas é fundamental para non arrasar con todo". No cacho de Paula e Dores non faltarán malva, herba luísa, nogueira, laranxeiro, limoeiro, fento nin a herba de San Xoán "que nós chamamos herba do noso Señor (Tanacetum parthenium) e que non coincide coa que din de San Xoán noutras zonas".

Coma outros anos porá chantaxe (Plantago media), que fai moi bo xarope contra a tose, e politaina (Parietaria officinalis), "que todos os males amaina", con moitas propiedades beneficiosas: antiinflamatorias, cicatrizantes e hemostáticas". E se cadra de atopalos: cloques amarelos, carballo cerquiño, lingua de ovella ou pelo de raposa.