Consumidores europeos denuncian Ryanair, Vueling e outras compañías aéreas por cobrar pola equipaxe de man
A organización de Consumidores Europeos (BEUC, polas súas siglas en francés) anunciou unha denuncia ante a Comisión Europea e a rede europea de consumidores contra sete compañías, entre elas Ryanair e as españolas Vueling e Volotea, por prácticas abusivas pola cobranza da equipaxe de man, á vez que reclamou unha investigación a escala da Unión Europea das prácticas do sector.
"Tomamos medidas contra sete compañías aéreas que están a explotar aos consumidores e ignorando ao máximo tribunal da UE, que ditaminou que cobrar unha equipaxe de man de tamaño razoábel é ilegal", dixo o director xeral da BEUC, Agustín Reyna, nun comunicado para anunciar a acción da organización, que representa a organizacións dunha ducia de países, incluídas Asufin e a CECU.
Reyna pediu, ademais, que se aproveite a revisión do regulamento sobre dereitos dos pasaxeiros aéreos que está en marcha no seo da UE para aclarar "que servizos deben incluírse no prezo básico do billete", tendo en conta de que os viaxeiros dan por feito, di a organización de consumidores, que coa tarifa básica poidan embarcar cun vulto pequeno e unha peza de equipaxe de man.
Sentenza da xustiza europea
A acción anunciada esta cuarta feira pola BEUC está apoiada tamén por un total de 16 organizacións membros de 12 países e supón unha denuncia ante a Comisión Europea e ante a Rede de Autoridades de Protección ao Consumidor (CPC) contra Easyjet, Norwegian Airlines, Ryanair, Transavia, Volotea, Vueling e Wizzair.
Nunha sentenza de 2014, o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) ditaminou que as compañías non deberían cobrar un suplemento por equipaxe de man, sempre que este cumpra "requisitos razoábeis en termos de peso e dimensións, e cumpra cos requisitos de seguridade aplicábeis".
En novembro do pasado ano, o Goberno español multou con 179 millóns de euros a Ryanair, Vueling Easyjet, Norwegian e Volotea por cobrar suplementos pola equipaxe de man, unha medida que as compañías denunciaron ante a Comisión Europea e que esta está a examinar desde xaneiro tras pedir información detallada ao Estado español. Fontes comunitarias consultadas por Europa Press indican que o Goberno xa remitiu a documentación, que os servizos da Comisión están aínda avaliando.
