As consultas por gripe en Atención Primaria soben 73%

A poboación xeral xa pode vacinarse contra a gripe e a Covid-19. (Foto: Europa Press)
O Ministerio estudará a problemática das listas de agarda.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade advertiu dun aumento do 73% das consultas de Atención Primaria relacionadas coa gripe durante a semana pasada, do 27 de novembro ao 3 de decembro, en comparación coa anterior, entre o 20 e o 26 de novembro. 

Así figura no último informe epidemiolóxico de actividade gripal, que reflicte que a transmisión da enfermidade está "espallada" –a anterior semana era só "local"– e a curva de infeccións é "crecente", aínda que a intensidade segue a ser "baixa". En concreto, a taxa de consultas en Primaria por gripe na Galiza sitúase nas 41 por cada 100.000 habitantes.

Nesta liña, no que vai de temporada, o Sergas rexistrou 257 hospitalizacións por gripe, todas elas de tipo A, con 13 que requiriron ingreso na UCI. 

Vacinación

Neste sentido, o Sergas fechará mañá os "vacinódromos", pero quen queira recibir a vacina contra a gripe ou a Covid-19 poderá pedir cita previa para inmunizarse contra estas dúas enfermidades a partir da segunda feira, 11 de decembro, ben en centros de saúde ou en hospitais. Non obstante, xa desde o pasado 16 novembro o Sergas mantivo dispoñíbel o sistema de autocita para as persoas maiores de 12 anos. 

Listas de agarda

A ministra de Sanidade, Mónica García, convocou para o 21 de decembro un Pleno presencial ordinario do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de España (Cisns) en Asturias, no que se abordará a problemática das listas de agarda e as transferencias pendentes de máis de 200 millóns de euros para aplicar en materia de enfermidades raras, xenómica e dixitalización. 

"As listas de agarda desesperan a xente e vai ser unha tarefa prioritaria deste Ministerio traballar consensuadamente coas comunidades autónomas para aliviar este problema", asegurou a ministra.

Logo da xuntanza do Consello Interterritorial decorrida esta quinta feira, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, optou por outra vía e pediu expresamente a convocatoria urxente dun pleno do  Cisns de carácter monográfico para tratar o problema común de falta de médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria e Pediatría en Atención Primaria.