Consultas dun "mínimo de 10 minutos" por paciente na Atención Primaria?

Médicas protestan contra a situación nunha imaxe de arquivo. (Foto: SOS Sanidade Pública / Europa Press)
O alto grao de sobrecarga laboral en moitos centros de saúde da Galiza non permite pasar tanto tempo con cada doente, ou implica ampliar a xornada fóra do horario real, polo que as e os médicos de cabeceira tamén solicitan ver só 30 doentes cada día.

As e os médicos de Atención Primaria "están moi presionados" no seu traballo e volven demandar unha reestruturación deste apartado do sistema de saúde público da Galiza. Así nesta terza feira reclamaron ao Sergas que estipule axendas dun "máximo" de 30 doentes por xornada, para poder atender "como mínimo" 10 minutos a cada persoa.

Na actualidade, as consultas son moito máis rápidas ou implican a dedicación de máis horas das que teñen por contrato das facultativas, dado que a sobrecarga de pacientes é moi alta.

Destacouno o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, o doutor Isidro Lago, que destacou a presión que padecen "coa demanda actual á que teñen que facer fronte".

Para "normalizar unha situación" de asistencia nos ambulatorios, o sector insta ao Sergas a acabar coas listas "supersaturadas". Lago destacou que é o servizo dependente da Consellaría de Sanidade o que organiza tanto a atención telefónica como a presencial, nestes momentos da pandemia pero tamén con anterioridade.

Por iso, o presidente do Colexio de Médicos de Ourense, José Luis Jiménez, engadiu que "o tope" axexitado para poder facer o traballo nas mellores condicións sería ter "30 pacientes" ao día, con independencia do tipo de consulta.

"O ideal é que os 30 foran ben filtrados", engadiu, sinalando que nos deben ser as e os doutores de familia os que fagan ese traballo de control previo ás consultas. Tamén se falou dos dez minutos por doente para poder atender mellor a cada un.

En relación a esa petición dunha "boa xestión da axenda", aclarou que "é distinto o rural e o urbano". "O médico non ten problema", comentou, para engadir que, por exemplo, pódese evitar facer desprazarse a unha persoa de avanzada idade "20 quilómetros" no caso de localidades afastadas dos ambulatorios nos ámbitos rurais.