O Constitucional dita que a liberdade de expresión non ampara instar a queimar a bandeira e considérao aldraxe

Imaxe do Tribunal Constitucional. (Foto: Europa Press)

O Constitucional considera que o berro "hai que prender lume á bandeira" dun sindicalista da CIG nunha protesta sindical non gardaba relación coas súas reivindicacións quedando fóra do dereito á liberdade de expresión e ideolóxica. Seis maxistrados desestimaron o seu recurso de amparo a unha condena por un delito de aldraxe, pese as advertencias dun dos xuíces da xurisprudencia en contra do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Por segunda vez, o pleno do Tribunal Constitucional fracturouse á hora de resolver se as aldraxes á bandeira española están amparadas pola liberdade de expresión. Finalmente, unha maioría optou porque non é así, desestimando o recurso de amparo interposto por un sindicalista da CIG que foi condenado a unha multa de 1.850 euros por un delito de aldraxe.

Os feitos tiveron lugar en 2014 fronte ao Arsenal Militar de Ferrol e no marco dunha folga do persoal de limpeza do Arsenal na que participaba o sindicalista. No marco dese conflito laboral, no que as traballadoras levaban meses sen cobrar, a CIG-Servizos tivo que presentar denuncia contra o Ministerio de Defensa por vulneración do dereito á greve, xa que o propio persoal militar estaba a realizar as tarefas de limpeza. Segundo a denuncia presentada por tres militares, o sindicalista instou durante unha mobilizacións a queimar a bandeira española.

Seis anos despois, o TC desestima o recurso interposto contra as sentenzas do 22 de marzo de 2017 e o 8 de febreiro de 2018, ditadas respectivamente polo Xulgado do Penal número 1 de Ferrol e pola Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña. 

A resolución, que se notificará íntegra nos vindeiros días, contará cos votos discrepantes dos maxistrados Encarnación Roca Trías, Andrés Ollero, Juan Antonio Xiol, Cándido Conde-Pumpido e María Luisa Balaguer.

Nunha nota do TC avánzase que o recurso interposto polo traballador tiña por obxecto o axuizamento de se se vulneraron as liberdades de expresión e ideolóxica do recorrente no marco do proceso penal polo que foi condenado. As expresións que determinaron a condena eran "aquí tedes o silencio da puta bandeira” e “hai que prender lume á puta bandeira".

O TC considera que foron innecesarias para as reivindicacións que o recorrente, como representante da CIG, estaba defendendo e que non gardaban relación con ditas reivindicacións. A maioría dos seis maxistrados entende que foron realizadas á marxe e sen amparo dos dereitos fundamentais invocados. 

Votos en contra

En novembro, Andrés Ollero defendeu a absolución do sindicalista partindo da xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sobre liberdade de expresión, que en 2007 considerou inxustificada a condena a dous independentistas pola queima de fotos de Juan Carlos I. O maxistrado advertiu ao pleno que Estrasburgo pode corrixir a súa resolución.